publicidade hoxe

O Concello das Pontes honrará á Virxe do Carme cun amplo programa de actividades de ocio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesCalendarioLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes iniciará o venres as súas tradicionais festas patronais en honra á Virxe do Carme e será da man do pregón que, ano tras ano, serve para dar o pistoletazo de saída a estes festexos.

Nesta ocasión, a Comisión de Festas escolleu o mundo da sanidade coma protagonista e precisamente serán profesionais sanitarios locais os que se encarguen de desexarlles unhas felices festas aos ponteses e pontesas.

Os doutores José Manuel Fandiño Sende, Pilar Baamonde e José Ramón García, o óptico Guillemo Baamonde e a enfermeira Purificación Seco serán os encargados, neste 2013, de protagonizar esta cita xunto co alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que presidirá este acto oficial de apertura das festas pontesas.

Ás 20.30 horas diante da Casa do Concello terá lugar esta homenaxe ao sector sanitario na que se contará coa música dos mariachis Los colores de México. Asemade, a programación da xornada completarase coa actuación da banda The Cornelius ás 22.00 horas, a avenida da Coruña e xa ás 23.00 horas, na praza da Capela do Carme, celebrarase a primeira das verbenas coas orquestras Sintonía de Vigo e Costa Oeste.

Programación sábado

O sábado arrincará cos pasarrúas de formacións locais coma Canavella, Os feroces da Galgueira ou a Banda de Gaitas Alfaia, dende as 10.30 horas, e ás 13.00 horas teremos o primeiro dos concertos que,nestes días, protagonizará a Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, nos Xardíns do Campo da Feira.

Pola noite, ás 21.00 horas dará comezo a misa en honra á Virxe do Carme, na  propia capela que leva o seu nome e ás 22.00 horas arrincará a procesión de baixada que incluirá un espectáculo pirotécnico.

Ás 23.00 horas, e novamente na Praza do Carme, terá lugar a segunda das verbenas coas orquestras Filadelfia e Combo Dominicano e, coa madrugada, comezará a confección da alfombra floral.

Asemade, durante todo o sábado terá lugar o III Kontrashte Fest, no campo Monte Medulio, con xogos de malabares, actividades variadas e a actuación dos grupos Metal Sodom, Aggression, Soldier, Wisdom e Kill Miss & The road crew.

Programación domingo

O domingo tamén amencerá con música e cos pasarrúas do Grupo Alfaia para continar coa procesión de subida da Virxe, ás 12.15 horas, unha ofrenda floral e unha misa en honra á Patroa e, como novidade a primeira das sesións vermú que este ano ideou a comisión de festas e que contará coa actuación do grupo local Dúo Suso, ás 14.00 horas, no patio do colexio Santa María.

Á tarde, dende as 20.00 horas, no auditorio municipal Alovi, celebrarase a XVIII edición do Certame de Bandas protagonizado pola Banda Cultural e Recreativa de As Pontes, a Banda de Música de Vilalba e a Banda Municipal Ateneo de Negreira.

Asemade, a avenida da Coruña será o escenario perfecto para escoitar ás rapazas de Faltriqueira, unha formación tradicional que auna nos seus espectáculos a música popular galega coa percusión e tamén sons do máis actuais e que actuarán dende as 22.00 horas.

O seu relevo, xa ás 23.00 horas, será para a verbena que protagonizarán as orquestras París de Noia e Gran Parada, na praza do Carme.

Programación luns

E o luns, festivo local, arrincará con novos pasarrúas, desta vez cos Trevillas, No Cómbaro ou os Ponteses e un novo concerto da Banda de Música Cultural e Recreativa, nos Xardíns do Campo da Feira, dende as 13.00 horas.

Non faltarán as citas litúrxicas coma a Misa de Santa María Magdalena e Cofrades que terá lugar ás 12.30 horas na Capela do Carme, e unha segunda sesión vermú a cargo do Dúo Aplauso que actuará, dende as 14.00 horas, no patio do Colexio Santa María.

Outra das citas típicas desta xornada é o Festival Folclórico Internacional que levará, ata o pavillón Polideportivo da Fraga, á Banda das Escolas de Música Tradicional de As Pontes, á formación Alxibeira de Narón ou á Asociación Cultural Semillas del Arte de Toledo. A parte internacional correrá a cargo da formación Podilya, vida dende Ucrania, Tsiskari de Xeorxia e Boeseroenen de Bélxica.

Como punto e final a estas festas do Carme terá lugar a cuarta e derradeira verbena, dende as 23.00 horas, na praza do Carme e que contará coas actuacións das formacións Olympus e Charleston Big Band.

Programa deportivo

Durante a fin de semana tamén terán lugar diferentes competicións deportivas. De feito xa onte arrincaba unha nova edición do torneo de tenis federado Festas do Carme, que rematará o día 21 e que se está a desputar nas pistas da Canle IV.

O sábado celebrarase o XII Seven Internacional de Rugbi Vila de As Pontes (11.00 – 20.30 horas) nos campos do Poboado e tamén o sábado, pero no lago de As Pontes terá lugar a Copa Trial Galicia de Nenos, dende as 16.00 horas.

Por outra banda, o lago tamén acollerá o sábado o Torneo Vila de As Pontes de Kayak Polo, dende as 09.00 horas e no campo de tiro Pena da Revolta desputaranse diferentes competicións de tiro con pistola standar e tiro ao prato dende as 10.00 horas.

16 de xullo de 2013 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.