publicidade hoxe

O Concello das Pontes contratará a 23 persoas de xeito temporal durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+

O Concello de As Pontes garantirá traballo a 23 persoas durante tres meses con recursos fundamentalmente propios, anque tendo que recorrer á medida da contratación para servizos de urxencia, pois o goberno central impide contratar persoal neste intres.

Esta medida suporá que 23 veciños e veciñas poderán prestar diferentes servizos municipais este verán. Así, catro peóns incorporaranse, nestes días, ao plantel do departamento de obras municipal durante tres meses.

Na área medioambiental serán 13 as persoas desempregadas as que conformarán dúas cuadrillas antiincendios, de cinco persoas cada unha máis tres conductores de motobombas, a fin de protexer o medio natural que ocupa a meirande parte da extensión do municipio, e velando pola seguridade e mantemento da súa riqueza medioambiental.

Canto á seguridade na concorrida praia do lago de As Pontes será un socorrista o encargado de vixiar o benestar dos bañistas, aconsellando as pautas do bo uso da auga e atendéndoos ante calquera situación de risco para a saúde. No departamento de Servizos Sociais, serán cinco as persoas que se incorporarán ao Servizo de Axuda a Domicilio que atenderán ás persoas con maior dependencia da vila.

Esta iniciativa é entendida pola edil de Emprego, Ana Pena, como unha axuda social para os desempregados e desempregadas do municipio, aportando unha oportunidade laboral e de adquisición de maior experiencia para a súa futura reincorporación ao mercado de traballo.

Todas as contratacións terán unha duración de tres meses e servirán para aliviar as economías familiares dos beneficiarios e beneficiarias das prazas temporais, apostando unha vez máis por políticas municipais de creación de emprego, que se complementarán ao longo do ano con outras iniciativas que acarrearán a incorporación ao mercado de traballo de máis ponteses e pontesas.

Malia que o emprego non é unha competencia directamente municipal, o executivo pontés volve amosar a súa sensibilidade coa delicada situación laboral que atravesan moitos veciños e veciñas, e sacará adiante esta oferta mentres segue a ultimar o novo plan de emprego e confía en que desta vez a Xunta de Galicia si conceda o novo obradoiro de emprego solicitado.

15 de xullo de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.