O Concello da Lama contratará cinco desempregados para a brigada antincendios
O Concello da Lama asina un convenio coa Consellería de Medio Rural para facer posible a prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a actuación dunha brigada antincendios.
Procederase a contratar a cinco persoas desempregadas do propio municipio ou dos arredores, durante un período de tres meses, das cales unha delas actuará como responsable e coordinador do funcionamento da brigada e será o interlocutor co persoal do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais).
As funcións da brigada son, por un lado a vixiancia e defensa contra os incendios forestais e por outro o desenrolo de labores de prevención que diminúan o risco de propagación e aminoren os danos dos incendios no caso de producirse, tales como desbroces en vías e camiños forestais, áreas cortalumes e faixas de xestión de biomasa, roza, rareo e eliminación de restos, etc.
O alcalde está moi satisfeito coa sinatura do convenio, cofinanciado polo Concello e a Consellería de Medio Rural, que repercutirá en beneficio de todos os veciños e veciñas, en varios sentidos, xa que ademais de contribuír á prevención dos incendios e posibilitar unha pronta intervención en caso de producirse, por outro lado ofrece un posto de traballo a persoas que o necesitan.











