O Concello da Coruña reforza o servizo de recollida de lixos na zona centro da cidade durante o verán
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, reuniuse co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, Héctor Cañete, para informalo do servizo de recollida de residuos que o Concello puxo en marcha no centro da Coruña durante as tardes de verán para ofrecer unha mellor imaxe dunha das zonas máis emblemáticas da cidade. O responsable municipal solicitou aos hostaleiros a súa colaboración para unha maior eficacia desta iniciativa que xa se desenvolveu con grande éxito nestas mesmas datas en 2011 e 2012.
Con este reforzo do servizo de recollida de residuos, o Concello trata de evitar que os colectores máis próximos aos establecementos de restauración se enchan de lixo en xullo e agosto, os meses onde se produce un repunte importante da actividade no sector da hostalaría.
O concelleiro de Medio explicou ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña que esta iniciativa responde a unha demanda histórica do propio sector. Para proxectar unha imaxe de cidade moderna, limpa e ordenada, unha das novidades deste verán é que o Concello pon a disposición dos hostaleiros catro puntos de recollida extraordinarios:
1. Rúa Riego de Agua.
2. Entre as rúas Arco e Olmos.
3. Cruzamento da rúa Torreiro con Galera.
4. Rúa Florida, lateral da igrexa de San Nicolás.
Nestes puntos colocaranse tres colectores de inorgánicos de 800 litros e un colector de orgánicos de 240 litros. Os hostaleiros deberán depositar os residuos entre as 16.30 e as 17.15 horas, se ben poderán sacar os seus propios colectores aos puntos de recollida establecidos. Antes das 19.00 horas deberán retirarse todos os colectores privados, mentres que a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixos se encargará de retirar os colectores do dispositivo especial. Deste xeito, limparase totalmente a zona e poderá empezar a xornada de tarde-noite en perfecto estado.
O servizo de recollida de lixo arranca en Santa Catalina e continúa pola rúa Real, Riego de Agua, Fama, avenida de La Marina, Cantón Grande, Cantón Pequeño, Juana de Vega, San Andrés, Mantelería, praza de Arco, Torreiro, Galera, praza de España e da a volta cara a Custa de San Agustín, praza do Humor, rúa Florida, Troncoso, Trompeta, Oliva e finaliza o percorrido en rúa del Ángel.
Os dous servizos vespertinos extraordinarios (recollida de restos orgánicos e inorgánicos) únense así ao percorrido habitual que xa efectúan os camións do lixo pola noite.
A Concellaría de Medio recorda a necesaria colaboración e implicación de todos os establecementos e, ademais, a través da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría da Coruña, comunícase aos asociados un decálogo de normas básicas referentes ás boas prácticas na xestión dos residuos, e ao establecido na Ordenanza Municipal de Residuos e Limpeza Viaria, indicando que por parte dos servizos municipais se vixiará o seu cumprimento.











