O Concello da Coruña inviste 185.500 euros nos campamentos municipais infantís de verán
O Concello da Coruña organiza os campamentos infantís municipais que se programan este verán e nos que se inclúen actividades co obxectivo de facilitar ás familias a conciliación da vida laboral e persoal. O investimento final do Goberno local, a través da Concellaría de Servizos Sociais, é de 185.500 euros.
O departamento que dirixe Miguel Lorenzo defende a necesidade de impulsar iniciativas deste tipo porque contribúen a que os nenos de entre 4 e 12 anos adquiran coñecementos e valores como a amizade e o traballo en equipo, á vez que se divirten durante as súas vacacións. O Goberno local sacou a concurso a contratación do servizo de desenvolvemento e xestión dos campamentos municipais de verán por un importe de 220.000 euros. Analizadas todas as ofertas presentadas a este concurso mediante procedemento aberto, o Concello logrou un aforro do 15,7% -en concreto, 34.500 euros- con respecto ao presuposto de licitación, pois adxudicou os campamentos urbanos, os campamentos de día e os campamentos tradicionais de verán por un importe global de 185.500 euros.
CAMPAMENTOS URBANOS DE VERÁN
É unha alternativa de ocio que se desenvolve nos centros cívicos e nos colexios en verán, de luns a venres, en catro quendas -entre xullo e agosto- para facilitar a participación dos nenos de entre 4 e 12 anos.
Os participantes distribúense por grupos de ata 15 integrantes cunha idade o máis homoxénea posible. A adxudicataria conta cun mínimo de 135 bolsas e oferta un total de 24 prazas para menores con minusvalidez.
Ademais de promover a conciliación da vida laboral, persoal e familiar, nos campamentos ofrécense contidos para educar os pequenos en valores como educación para a paz, tolerancia, solidariedade, a igualdade de oportunidades, a educación vial e o consumo sostible. Así se poden alcanzar os fins fixados dende Servizos Sociais, uns obxectivos que se repiten no resto de campamentos que se ofertan en 2013:
. Desenvolver habilidades sociais.
. Favorecer actitudes positivas ante as situacións cotiás e o protagonismo e a participación nas actividades que se realizan.
. Fomentar a imaxinación e creatividade; comunicación e iniciativa; o respecto polo ámbito e pola cidade onde viven; e o desenvolvemento de capacidades motoras, físicas, artísticas, emocionais e de relación.
. Aprender a traballar en grupo e respectar o traballo dos demais.
. Educar os nenos mentres se divirten; e valorar a riqueza lúdica e educativa do xogo.
CAMPAMENTOS DE DÍA DE VERÁN
As actividades realízanse nun lugar próximo á cidade para que facilite o transporte diario dos nenos. Nestes campamentos, dirixidos a un máximo de 416 nenos de entre 4 anos (escolarizados) e 12 anos, ofértanse actividades artísticas, xogos de habilidade, deportes alternativos, actividades musicais e ao aire libre, e danza, expresión corporal e motricidade.
Servizos Sociais tamén distribúe a oferta de luns a venres en catro grupos entre xullo e agosto. O horario das catro quendas é de 09.00 a 18.30 horas -realízase durante unha hora ao día unha actividade cuxo contido se desenvolve en inglés-. Distribúese por grupos de ata 15 participantes de idade homoxénea. En total, ofértanse 8 prazas para menores con minusvalidez e un mínimo de 24 bolsas.
CAMPAMENTOS TRADICIONAIS DE VERÁN
Os nenos, de 8 anos a 14 anos, pasarán a noite fóra de casa co resto de menores participantes, compartindo experiencias e vivencias. O campamento contará cun mínimo de 2 bolsas por quenda de campamento. En total ofertaranse 180 prazas en catro quendas de 45 menores:
. Do 7 ao 13 de xullo, nenos e nenas de 8 a 11 anos.
. Do 14 ao 20 de xullo, nenos e nenas de 12 a 14 anos.
. Do 28 de xullo ao 3 de agosto, nenos e nenas de 8 a 11 anos.
. Do 4 ao 10 de agosto, nenos e nenas de 12 a 14 anos.
CAMPAMENTOS URBANOS DE NADAL
O Concello analiza agora as propostas recibidas para a realización dos campamentos urbanos de Nadal. En total, seis empresas presentáronse a este concurso convocado mediante procedemento aberto.
Cun investimento de 20.000 euros, o obxectivo destes campamentos municipais nos centros cívicos é facilitar unha alternativa de ocio aos nenos de entre 4 anos (escolarizados) e 12 anos da cidade da Coruña durante as vacacións de fin de ano. Por este motivo, a temática central estará vinculada coas datas do Nadal.
As actividades que se leven a cabo nos campamentos estarán adaptadas ao grupo de idade ao que se dirixen e, a título orientativo, poderán ser:
. De 4 a 6, de 7 a 8, de 9 a 10 e de 11 a 12 anos (se se forman 4 grupos na quenda).
. De 4 a 6, de 7 a 9 e de 10 a 12 anos (se se forman 3 grupos na quenda).
. De 4 a 7 e de 8 a 12 anos (se se forman 2 grupos na quenda).
Todas as actividades se desenvolverán en 6 xornadas lectivas: os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2013 e do 2 ao 3 de xaneiro de 2014. O horario será de 10.00 a 13.00 horas. O número mínimo de grupos a ofertar será de 30. Os participantes distribuiranse por grupos de ata 15 integrantes, de idade o máis homoxénea posible. A adxudicataria contará cun mínimo de 30 bolsas e reservará 8 prazas para menores con minusvalidez.











