O Concello da Coruña informa de cambios provisionais na circulación por obras na cidade
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa dos cambios que, de xeito provisional, se producirán na circulación durante os próximos días.
– Con motivo da celebración da Carreira Popular do Ventorrillo, prevista para mañá, domingo 14 de xullo, será preciso reordenar a circulación no barrio. No perímetro comprendido polas rúas Alcalde Jaime Hervada, Mosteiro de Caaveiro e Alcalde Salorio Suárez colocaranse conos para separar a zona da carreira da de circulación de vehículos. En todo o circuíto, os coches poderán utilizar os carrís de sentido descendente, que estarán delimitados por conos. As saídas e entradas aos garaxes dos lados pares das rúas Mosteiro de Caaveiro e Rodrigo A. de Santiago realizaranse atendendo as indicacións da Policía Local e dos voluntarios que presten servizo neste evento. O horario deste dispositivo especial de tráfico será de 10.30 a 13.30 horas, aínda que a hora de finalización pode variar en función do desenvolvemento das distintas carreiras.
– Debido ás obras de reparación dunha rotura de rede de sumidoiros na rúa Teniente General Gómez Zamalloa producirase, á altura do número 30, un estreitamento na calzada que afectará dende a rúa Industrial, permitindo o paso de circulación de vehículos polo saliente de beirarrúa e sempre protexendo os peóns. As obras, cun prazo de execución de dous días, empezarán o próximo luns, 15 de xullo.
– A reparación de rede de sumidoiros dende o luns, día 15, ata o venres, 19 de xullo, implica o desvío do tráfico pola marxe esquerda da rúa Europa á altura do cruzamento coa rúa Filipinas, manténdose o carril para o paso de vehículos.
– Con motivo da continuación das obras de canalización da rede de alta tensión na avenida García Sabell, é necesario a próxima semana ocupar o carril esquerdo en sentido Alfonso Molina, á altura das pontes xemelgas. Este cambio na circulación manterase ata o venres, 19 de xullo, ás 13.00 horas.
– O mantemento da iluminación pública na avenida de Monelos obriga a ocupar zonas de estacionamento e a cortar un dos carrís, polo que se dará paso alternativo con sinais de obra. As zonas a reparar son fronte aos números 19-21-23; 57; 91 (esquina con Rafael Dieste); 97; 135 (ao lado da praza Castaño); 143; na esquina coa rúa Amapolas; e fronte ao supermercado Eroski. Os traballos realizaranse o luns e martes, días 15 e 16, respectivamente, entre as 08.00 e as 16.00 horas.
– A urbanización do Parque Ofimático obriga ao desvío dun camiño que discorre polo interior das obras e que está situado no lugar de Eirís de Abajo, entre os números 84 e 94. Deste xeito, darase continuidade aos traballos de movementos de terra. Este desvío será efectivo a partir do luns, 15 de xullo.
– Con motivo das obras de fresado e reposición de pavimentos no ámbito da Fuente de las Pajaritas, no ramal de acceso a Alfonso Molina entrada á cidade e na rúa Antonio Machado, produciranse cambios na circulación dende o martes, 16 de xullo, ata o sábado, día 20. A realización dos traballos no ramal de Alfonso Molina iniciarase o martes co fresado e pavimentarase ese mesmo e o mércores. Para a execución deste tramo da obra, será necesario o corte total de tráfico. As liñas de autobús urbano 20, 24 e E serán desviadas pola avida de Alfonso Molina, anulando a parada existente na rúa Antonio Machado. Os traballos na rúa Antonio Machado iniciaranse o mércores co fresado, mentres que se pavimentará o xoves e o venres. Neste caso, en todo momento se manterá un carril de circulación.
– Traballos de canalización previstos para os días 17 e 18 de xullo requiren a ocupación do carril dereito da zona do estadio universitario en dirección ao campus de Elviña (fronte á parada de bus), manténdose un carril de paso con sinais de obra.











