O Concello da Coruña informa de cambios provisionais na circulación por obras na cidade
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa dos cambios que, de xeito provisional, se producirán na circulación durante os próximos días.
– Debido á reparación dun pozo de rexistro de rede de sumidoiros á altura do número 22 da estrada de Mesoiro, será necesaria a ocupación do carril de circulación, dándose tráfico alternativo con sinais. As obras realizaranse mañá, sábado 6 de xullo, en horario de 08.30 a 12.30 horas.
– Os traballos da acometida á rede municipal de rede de sumidoiros na avenida de Arteixo, á altura do número 84, implican que o luns, 8 de xullo, se abra unha gabia dende a beirarrúa cara ao carril de xiro á dereita. Por este motivo, ocuparase o paso alternativo para peóns, que serán desviados pola calzada e sempre protexidos con valos e conos. Durante o martes, día 9, ocuparanse os dous carrís centrais, mantendo tres carrís de circulación e desprazándose a ocupación a medida que avancen os traballos. O mércores, 10 de xullo, ocuparase o terceiro carril dende a dereita para a execución do pozo. Os carrís de circulación só permanecerán ocupados en horario de traballo: de 08.30 a 19.30 horas.
– As obras de tendido de cable de alta tensión na zona da glorieta de acceso a Pocomaco dende Alfonso Molina requiren a ocupación do carril esquerdo e zona de estacionamento situado fronte ao restaurante La Bottega en dirección Pocomaco, manténdose un carril para cada sentido.
As obras comezarán o martes, 9 de xullo, e a data de finalización estimada é o día 13. Así mesmo, autorizouse para o 9 de xullo a entrada á obra de góndolas que transportará as bobinas do cableado e que parará puntualmente o tráfico da glorieta (de 08.00 a 09.30 horas e de 13.00 a 15.30 horas).
– Os traballos de fresado e reposición de pavimentos na rúa Cigarreras requiren a eliminación das zonas de estacionamento de toda a vía e do tráfico do carril de circulación en sentido avida Primo de Rivera, quedando a rúa de único sentido cara a Cuatro Caminos. O calendario considerado de execución destas obras é dende o luns, 8 de xullo, ata o mércores, día 10.
– A continuación das obras de canalización da rede de alta tensión na zona de Matogrande, a partir do martes, 9 de xullo, e cunha duración estimada ata o 13 de xullo, obriga a ocupar o carril dereito da rúa Sebastián Martínez Risco en dirección Matogrande (na zona do colexio Liceo). Manterase o sentido de circulación, dándose tráfico alternativo con sinais.
– O próximo luns, 8 de xullo, iniciaranse as obras de limpeza de cunetas e reposición de pavimentos na estrada do Portiño. En todo momento se manterán os dous sentidos de circulación, dándose tráfico alternativo con sinais durante as obras de saneo e limpeza de cunetas e con semáforos durante a pavimentación. A previsión é concluír as obras o venres, 12 de xullo.
A maiores, a Concellaría de Infraestruturas finalizou os traballos de fresado e reposición de pavimentos na rúa Alcalde Suárez Ferrín, polo que dende o departamento municipal de Tráfico e Mobilidade se informa que dende hoxe, ás 19.00 horas, se recupera o sentido único de circulación habitual desta rúa.











