O Concello da Coruña impartirá cursos aos colectivos profesionais para explicarlles o novo Plan Xeral
A área de Medio, Territorio e Infraestruturas informa de que no próximo mes de setembro ofrecerá cursos informativos aos profesionais da cidade para explicarlles todas as novidades incluídas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Con estas xornadas, o Concello quere informar das claves da nova formulación urbanística os arquitectos da cidade, así como a outros colectivos que poidan estar interesados.
O Goberno municipal segue co seu obxectivo de lograr que o novo Plan Xeral sexa o plan de todos e para todos os coruñeses. Ese compromiso coa transparencia púxose de manifesto durante os últimos dous anos de tramitación: actualmente, pódense consultar tanto as normas coma as fichas do documento na páxina web municipal -www.coruna.es/urbanismo-. A celebración destes cursos informativos a profesionais do urbanismo súmase a esta aposta do Concello pola participación cidadá e, ao mesmo tempo, permitirá avanzalos as grandes novidades do Plan Xeral.
O departamento de Medio, Territorio e Infraestruturas destaca que o novo documento permitirá que operacións que estaban a esperar para desenvolverse poidan facerse a pesar das dificultades económicas do momento actual. A maiores, poderanse executar proxectos de pequena escala en núcleos rurais, na Universidade ou noutros ámbitos que non se encontraban tan desenvolvidos no Plan Xeral de 1998.
O Goberno municipal persegue co novo PXOM impulsar unha nova etapa, un cambio de ciclo no urbanismo que fomente a rehabilitación urbana e a reforma interior. Non obstante, o documento mantén os chans urbanizables que quedaron pendentes do plan anterior. O Concello recorda que, dentro da tramitación habitual deste tipo de expedientes, os chans urbanizables necesitarán o seu desenvolvemento posterior nun plan parcial, un proceso que require unha tramitación pública que inclúe, entre outros pasos, os informes sectoriais doutras administracións, como a Dirección Xeral de Patrimonio naqueles polígonos onde existan restos arqueolóxicos ou elementos de valor histórico e cultural, como o informe de riscos nas inmediacións da refinaría, ou de Aviación Civil na zona da Zapateira.
En calquera caso, o Goberno local aclara que na actualidade existe na cidade chan urbanizable en marcha, polo que, se houbese un interese, existe suficiente terreo onde promover novos proxectos, como en San Pedro de Visma, ou en polígonos pendentes de completar como o Parque Ofimático, Someso e Eirís.











