O Concello da Coruña empeza o luns as obras de renovación do pavimento na avenida de Finisterre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña empeza o próximo luns, 8 de xullo, a reposición do asfaltado da avenida de Finisterre, que se executarán en diferentes fases dende o cruzamento coa rolda de Outeiro ata a intersección coa rúa Alfredo Vicenti. A Concellaría de Infraestruturas inviste 150.000 euros (máis IVE) neste proxecto que forma parte do plan de renovación de pavimentos e de espazos públicos. Os traballos desenvolveranse en coordinación coa área de Mobilidade, para minimizar ao máximo a afección desta obra no tráfico.

Os traballos de mellora da calzada na avenida de Finisterre comezarán o luns. Con este proxecto, a Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado segue adiante co seu compromiso de renovar e garantir unha mellor conservación das rúas da cidade, posto que, ata a chegada do actual equipo de goberno, o Concello da Coruña carecía dun verdadeiro plan o mantemento de rúas.

TRÁFICO

A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público destaca que a primeira fase da obra será no tramo comprendido entre a rolda de Outeiro e a rolda de Nelle. Á súa vez, esta fase subdivídese en tres tramos, dende a rolda de Outeiro ata a praza Castillo de Olite, dende a praza Castillo de Olite ata a rúa Gramela e dende a rúa Gramela ata a rolda de Nelle.

No primeiro tramo da primeira fase, é dicir, entre a rolda de Outeiro e a praza de Castelo de Olite, as obras iniciarase o luns ás 10.00 horas, sendo necesaria a eliminación do tráfico en sentido entrada da cidade nesta zona. A alternativa será continuar pola rolda de Outeiro e a avenida das Conchiñas para retomar a avenida de Finisterre pola rúa Gramela, percorrido que realizarán as liñas de autobús urbano afectadas (6 e 6 A).

A continuación, realizarase o segundo tramo da primeira fase, é dicir, entre a praza de Castelo de Olite e a rúa Gramela, con idéntica afección ao tráfico (permitirase a circulación en sentido saída da cidade). Estímase que o inicio deste segundo tramo sexa o 15 de xullo.

A duración da execución das obras nestes dous tramos da primeira fase será de ao redor de dúas semanas. Haberá presenza policial na confluencia da rolda de Outeiro coa avenida de Finisterre e da rolda de Outeiro coa avenida das Conchiñas.

5 de xullo de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.