O Concello da Coruña convoca a XXVI edición dos Premios Prismas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, informa da convocatoria da XXVI edición dos Premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, que este ano se realizan en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que quixo sumarse á organización destes importantes galardóns.

O tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, xunto coa directora dos Museos Científicos Coruñeses, Mónica Iglesias, desprazouse a Madrid para participar na presentación destes premios, que constitúen o recoñecemento máis prestixioso e con maior traxectoria a nivel nacional.

Ademais de premiar con Prismas de Bronce os mellores traballos de divulgación científica nas modalidades de peza de raio, video, sitios web e redes sociais, libros editados, textos inéditos e artigos xornalísticos, o xurado outorga un Prisma Especial a persoas ou institucións que destaquen pola súa contribución singular á divulgación científica. Durante estes anos, recibiron o premio importantes e destacadas personalidades do mundo da ciencia, como o gran divulgador da ciencia, Manuel Calvo Hernando (Prismas Textos Inéditos 1995), o director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, Ramón Núñez Centella (Premio Prismas Especial do Xurado 2012), ou a investigadora Margarita Salas (Premio Prismas Especial do Xurado en 2011).

A convocatoria estará aberta dende hoxe, 24 de xullo, e ata o 20 de setembro ás 12.00 horas. Cada candidatura debe ir acompañada dunha ficha de participación debidamente cuberta e asinada e enviarse á seguinte dirección: XXVI CONVOCATORIA Prismas á Divulgación. Casa das Ciencias. Parque de Santa Margarida, s/n 15005 A Coruña. España.

Os traballos que se presenten aos Premios Prismas deben estar dirixidos ao público en xeral e tratar sobre calquera tema en relación coas ciencias físicas e naturais, tanto nos seus aspectos xerais, como en calquera das súas ramas ou aplicacións prácticas, incluíndo biografías de científicos e historia da ciencia, que contribúan á mellor comprensión das ideas, actitudes e procesos científicos.

Bases dos premios e máis información en: www.mc2coruna.org/prismas

24 de xullo de 2013 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.