O Concello da Coruña colabora con Grumico na segunda fase da Guía Coruña Accesible
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, anunciou esta mañá que o Concello colaborará nunha segunda fase da Guía Coruña Accesible que acaba de presentar o Grupo de Persoas con Minusvalidez (Grumico) e que busca facilitar a mobilidade en espazos públicos, establecementos e no transporte público e os aparcadoiros.
A guía -a disposición de todos os interesados en www.corunaaccesible.com- permite ás persoas con mobilidade reducida coñecer que establecementos están adaptados para favorecer a súa accesibilidade. Fernández Prado avanzou que o Goberno local, dentro do seu compromiso por unha mellora da accesibilidade e da calidade de vida dos cidadáns, se ofreceu a colaborar a partir de setembro nunha segunda fase deste proxecto de Grumico, e no que se incluirán, entre outras melloras, a disposición da guía en diferentes idiomas -o que favorecerá o seu uso por parte dos turistas- e a vinculación deste proxecto a Coruña Smart City. Grazas á aposta que o Goberno municipal fai polas novas tecnoloxías, a guía poderase consultar a través dunha aplicación de móbil.
O Concello coruñés impulsou outras medidas para mellorar a mobilidade na cidade, como as subvencións á instalación de ascensores; as obras da primeira fase do Plan de Accesibilidade, con 260 intervencións -a maior parte no ámbito do Casco Histórico e Peixaría- e un investimento de 410.000 euros; as bonificacións -ata o máximo permitido por lei- na ordenanza fiscal número 55, relativa ao imposto municipal sobre construcións, instalacións e obras, para a execución de traballos en edificios xa existentes, que favorezan a accesibilidade aos discapacitados; ou o concurso de ideas para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da cidade -Mestre Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con Xeneral Alesón, e Maxistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez-.
PLAN XERAL
O tenente de alcalde tamén informou de que, ante a inminente entrada en vigor do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), prevista para o día 27, o Concello ofrecerá cursos de formación a técnicos, arquitectos, aparelladores e outros profesionais vinculados ao urbanismo. Con estas xornadas, o Goberno local busca ofrecer unha información máis específica e afondar nas grandes claves do plan.
Estas xornadas formativas con profesionais arrancarán en setembro, e súmanse aos encontros que o tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas xa mantivo con máis dunha vintena de asociacións veciñais e ás clases que se están a impartir durante este mes de xullo aos propios técnicos municipais para que coñezan de xeito pormenorizado o Plan Xeral e dispoñan así dos coñecementos necesarios para responder as dúbidas que lles poden formular os cidadáns.
Fernández Prado aproveitou para explicar que o Concello desenvolveu o novo Plan Xeral co único obxectivo de “mirar polo interese xeral dos cidadáns”. Nesta liña enmárcase o desenvolvemento do ámbito máis próximo á refinaría. Recordou que o anterior equipo de goberno non presentou alegacións aos cambios introducidos pola Xunta no Plan de Emerxencia Exterior A Grela-Bens. Por este motivo, o concelleiro recordou que agora será necesario facer os deberes que quedaron pendentes e pedir un novo informe de incidencias de seguridade da refinaría, o que permitirá concretar o desenvolvemento final do ámbito. En calquera caso, a tramitación seguirá o seu curso habitual, coa solicitude dos informes sectoriais necesarios ao resto de administracións e institucións públicas.
O PARROTE
Fernández Prado mostrouse moi satisfeito polo nivel de execución das obras do túnel e do vial subterráneo do Parrote, que xa alcanza o 50%. O “bo ritmo” dos traballos permite cumprir os prazos previstos de finalización, marcados para marzo de 2014, segundo recordou o concelleiro, que onte visitou a zona co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada. Os veciños poderán gozar o próximo ano dos espazos públicos que quedarán liberados en superficie.
O tenente de alcalde explicou que se poderá utilizar a entrada ao túnel dende o castelo de San Antón para acceder ao aparcadoiro, e que a entrada por Porta Real será provisional, mentres o permitan as obras que se executarán para construír o vial subterráneo de La Marina. Fernández Prado avanzou que o túnel do Parrote se abrirá ao tráfico cando remate o de La Marina, ao longo de 2015. Fernández Prado tamén avanzou que, para mellorar a mobilidade, se estuda a inclusión no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Cidade Vella e Peixaría un acceso á avenida do Metrosidero dende o paseo marítimo, o que permitirá crear unha circunvalación ao casco histórico.











