O Concello da Coruña anunciará os gañadores do concurso de ideas para mellorar a accesibilidade a vindeira semana

Vista das propostas recibidas
O Goberno municipal ten previsto publicar a próxima semana a lista de gañadores do concurso de ideas convocado para mellorar a mobilidade peonil en cinco puntos singulares da cidade. O xurado -formado por representantes do Concello e de colexios profesionais- xa se reuniu para analizar as máis de cen propostas presentadas. A Concellaría de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, quere resolver os problemas de accesibilidade en Maestro Clavé, Ramón Cabanillas con avenida de Arteixo, Marqués de Cerralbo, Capitán Troncoso con General Alesón e Magistrado Manuel Artime con Cabo Santiago Gómez.
A gran variedade de propostas presentadas permitirá alcanzar o resultado esperado neste plan de mellora da mobilidade peonil. O xurado está formado por representantes do Concello da Coruña -entre os que se encontra o tenente de alcalde de Infraestructuras- e por directivos dos colexios oficiais de Arquitectos de Galicia; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia; e Enxeñeiros Industriais de Galicia; ademais dun profesional técnico elixido polos propios concursantes.
O xurado analiza agora as propostas para axilizar o máximo posible a tramitación dos proxectos gañadores e a súa posterior execución. Esta comisión de expertos ten especialmente en conta a mellora da mobilidade, a funcionalidade e sinxeleza, a viabilidade económica e a versatilidade das propostas presentadas, co obxectivo de que logre satisfacer ao maior número de persoas posible.
O departamento municipal de Infraestructuras, ademais de seleccionar as mellores formulacións que axuden a mellorar a mobilidade en determinados puntos da cidade, pretende dinamizar, en condicións de igualdade e libre concorrencia, as oportunidades de traballo en sectores castigados polas circunstancias económicas.
Os cinco puntos singulares da cidade aos que se puideron presentar as propostas pódense agrupar, polas súas características, en tres tipoloxías:
– Rúas a distinto nivel con conexión mediante un único núcleo de escaleiras, como Ramón Cabanillas con avda. de Arteixo e Cabo Santiago Gómez con Magistrado Manuel Artime. Nestes casos, as escaleiras non están adaptadas á normativa vixente polo que as propostas deberían incluír a construción dunhas novas e a posible situación dun elevador.
– Rúas a distinto nivel sen conexión directa na actualidade, como Capitán Troncoso con General Alesón, na que a solución podería pasar pola implantación dun ascensor.
– Rúas con tramos de escaleiras que dan acceso a espazos ou edificacións en cotas intermedias. É o caso de Maestro Clavé e Marqués de Cerralbo. Estas localizacións requiren dunha solución máis complexa.











