O Concello da Coruña anuncia melloras na mobilidade e na seguridade vial da Grela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, reuniuse cos presidentes da Asociación de Empresarios da Grela e da Asociación de Transportes Lixeiros da Coruña, Manuel García Santamaría e José Manuel Reimúndez Rodríguez, respectivamente, para perfilar próximas actuacións de mellora da mobilidade e accesibilidade no polígono industrial da Grela, un programa de actuacións que se levarán a cabo de forma coordinada cos departamentos de Infraestruturas e Medio.

Begoña Freire explicou aos máximos responsables das dúas entidades que se actuará na marxe dereita da rúa Severo Ochoa, en dirección saída cidade, nunha lonxitude de 250 metros, para optimizar mellor o espazo:

– Aparcadoiro en batería ordenado en sentido oblicuo inverso con capacidade para 29 vehículos.

– Reserva de espazo de aparcadoiro en liña cun tramo de 110 metros e outros dous de 15 metros cada un.

– Adecuación da parada de autobús situada á altura do punto limpo; con substitución de firme de terra por unha plataforma accesible.

“O Goberno municipal está a levar a cabo un proceso de mellora integral que inclúe numerosas actuacións consensuadas e planificadas, que aínda non rematou e que solucionará algunhas situacións encistadas. Como todos sabemos, fóronse acumulando problemas na Grela, debido a unha falta de atención que se repetiu durante moitas lexislaturas. Somos conscientes do que acontecía e demos un xiro radical á situación, pois agora se escoita a xente e actúase en consecuencia”, indicou Freire durante a visita ao polígono da Grela.

“Os grandes problemas ás veces son provocados por pequenas situacións que se poden resolver con xestión e coordinación. É a nosa obriga resolver e ademais facelo sen alardes. Os traballadores, empresarios e demais usuarios da Grela achegan un valor engadido á cidade que debe ser correspondido como se merece”, afirmou a concelleira, quen engadiu: “Non” era “decente que o primeiro co que se encontraban os usuarios do autobús ao baixar fose un firme ordinario de terra batida non accesible, con auga, e irregular”. Freire recordou que o seu departamento tamén renovou as dúas marquesiñas de autobús “ruinosas e insalubres” que había na avenida de Finisterre, á altura da Moura e da Silva.

Nesta visita cos empresarios, o Concello consensuou tamén un novo paso para peóns accesible na rúa José María Rivera Corral, que executará o departamento de infraestruturas na zona norte próxima ao instituto de Educación Secundaria (IES) Urbano Lugrís e que servirá para comunicar dúas zonas de traballo moi concorridas.

Os empresarios agradeceron a aposta municipal polo diálogo constante e a súa sensibilidade á hora de atender as súas demandas e peticións, pois moitas delas xa se executaron:

– Mellora da sinalización viaria na AC-552 para acceder ao ramal do Martinete.

– Novos pasos de peóns nas rúas Arquímedes, Edison e Pasteur.

– Protección de zonas axardinadas en rúa Copérnico para evitar aproximación de vehículos.

– Mellora na rúa Lamelas, coa execución da sinalización viaria -horizontal e vertical- e dous novos pasos de peóns.

– Instalación de nova señalética direccional nas rúas do polígono: en Madame Curie, Camino del Bosque e Camino de A Grela á zona do Martinete.

– Instalación de sinalización indicativa do polígono en varios puntos do viario: avenida de Arteixo, Severo Ochoa, Baños de Arteixo, Glorieta Eduardo Diz e avenida Salgado Torres.

Freire quixo recordar a importante mellora na mobilidade e seguridade vial que supoñerá a reordenación do cruzamento de Galileo con Gambrinus e José María Rivera Corral, posta en marcha polo departamento de Infraestructuras. “A batería de medidas implementar é froito do traballo de coordinación de moita xente; e coa implicación e compromiso de todos seguirase na senda da mellora continua que precisa tanto A Grela como o resto da cidade”, concluíu.

6 de xullo de 2013 | 14:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.