O Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Gondomar avalía a seguridade dos traballadores
O 26 de xuño tivo lugar a reunión da Seguridade e Saúde do Concello de Gondomar. O evento contou coa presenza do alcalde de Fernando Guitián, o responsable de Servizos, Juan Carlos González Camesella e persoal do Concello.
Esta reunión tivo como misión avaliar a seguridade e a saúde dos traballadores no Concello, así como aqueles que efectúan traballos no exterior. Tamén se acordaron varias medidas para a prevención de riscos, co fin de mellorar a sinistralidade laboral.
Un dos puntos da reunión centrouse na avaliación do sistema de simulacros de incendios para detectar erros máis común na evacuación e corrixilos. Así, todos os anos se realizará, sen previo aviso, un simulacro de incendios nos distintos edificios do Concello, como a Casa da Cultura, o Centro Neural, etc.
A reunión tamén serviu para recoñecer o bo traballo que o Concello está a facer nesta área. Un ano máis, o Concello de Gondomar recibiu un premio á non sinistralidade. Este recoñecemento consiste nunha axuda económica para mellorar ou incorporar novos medios de seguridade para a institución. “Consideramos que estamos avanzando de xeito considerable neste ámbito, a proba é que, por segundo ano gañamos este premio”, recoñece Fernando Guitián.
Grazas a esta cantidade económica, e entre outras actuacións, o mes pasado, o Concello de Gondomar entregou á Policía Local do municipio sete novos terminais de comunicación por radio que facilitarán a comunicación entre eles en todo momento, e mesmo coa policía local de Baiona e Nigrán. Deste xeito, con este novo e mellorado servizo, a Policía gañou en inmediatez o que contribuíu a facer o seu traballo con maior eficacia e axilidade.
Este comité é o órgano paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa, neste caso do Concello, en materia de prevención de riscos laborais.
Con este encontro, o comité de seguridade e saúde de Gondomar avanzou nos plans de seguridade e saúde do consistorio, para evitar que os seus traballadores sufran accidente mediante a aplicación de medidas e o desenvolvemento das actividades precisas para a prevención de riscos derivados do traballo.











