O Centro Ocupacional Juan María visita cos seus talleres e exposicións o Concello de Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+

Dende o próximo luns 15 e ata o 19 de xullo, o Centro Juan María de Parada,  de Nigrán, en colaboración co Concello de Gondomar, terá instalados no parque da rúa Urzáiz de Gondomar, diversos stands onde se celebrarán talleres de manualidades con cartón pedra, coiro e materiais reciclados como portavelas, tapóns, etc.

A actividade, que se desenrolará en horario de mañá de 10.00 á 13.00 horas, inscríbese dentro do proxecto Vida en comunidade, que pretende ofrecer aos usuarios dos centros Juan María, con discapacidade intelectual, un espazo no que divulgar e concienciar á sociedade de todas as súas habilidades e calidades.

Ademais dos talleres, tamén estará aberta unha mesa de información sobre o Centro e un posto de exposición e venta dos produtos elaborados polos propios usuarios.

Esta iniciativa, que anteriormente visitou os concellos de Baiona e Nigrán, forma parte de Vida en comunidade, un proxecto que os centros Juan María levan a cabo dende xullo do pasado ano. Mari Santos, directora dos Centros de Día e Ocupacional Juan María, explica que: “no pasado ano o que pretendemos foi trasladar á rúa as actividades que se desenvolven no centro. Nesta ocasión, este ano queremos dar un paso máis e conseguir interactuar coa comunidade organizando visitas de grupos ao stand para facilitar a relación entre as persoas, independentemente das súas características”.

12 de xullo de 2013 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.