O cartel do Noroeste Pop Rock contará con Suede, Kiko Veneno, Los Enemigos e catro bandas coruñesas

Presentación do Noroeste Pop Rock
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañado polo director do Coliseum, Javier Rodríguez, e o coordinador do Noroeste Pop Rock, Nonito Pereira, presentou esta mañá o cartel do Festival que se celebrará os días 9 e 10 de agosto na praia de Riazor e que estará encabezado polos londineses Suede e os nacionais Kiko Veneno e Los Enemigos.
Nesta edición acompañarán aos cabezas de cartel catro bandas saídas dun concurso ao que se presentaron 58 grupos galegos. “Aquí temos os catro entrantes que subirán ao escenario de Riazor: Sabdios, Doctor Gringo, Younger Boys, e Moondogs Blues Party grazas a unha iniciativa que recuperou o directo para elixir ás bandas que abrirán os concertos e que ademais estamos convencidos de que será unha magnífica plataforma de lanzamento para as carreiras dos grupos participantes”, matizou a concelleira, que recordou que a elección se levou a cabo na Sala Túnel do Coliseum as noites do luns 15 e martes 16 en dous concertos cos oito grupos finalistas.
Neste sentido, Ana Fernández explicou que a decisión se tomou tendo en conta a valoración do xurado e do público asistente que tivo unha participación moi activa coa emisión de 350 votos. Nas cancións de Younger Boys encontrouse unha proposta elaborada con referencias ao pop rock clásico e contemporáneo interpretadas con destreza e precisión. E os integrantes de Sabdios, a pesar da súa xuventude, demostraron unha gran profesionalidade sobre o escenario. Respecto ás bandas de rock destacouse que Doctor Gringo é un xenuíno trío de rock and roll directo que transmite o espírito orixinal deste estilo de rock; e que Moondogs Blues Party se seleccionou por ser unha proposta única grazas aos seus oito músicos que achegan distintos matices instrumentais e estilísticos.
As dúas bandas de pop actuarán o día 9 e as dúas bandas de rock o sábado día 10:
Venres 9 de agosto
– 21.30 horas. Sabdios (A Coruña).
– 22.15 horas. Younger Boys (A Coruña).
– 23.00 horas. Suede.
Sábado 10 de agosto
– 20.30 horas. Doctor Gringo (Santiago de Compostela).
– 21.15 horas. Moondogs Blues Party (A Coruña).
– 22.00 horas. Kiko Veneno.
– 23.15 horas. Los Enemigos.
Ana Fernández recordou que un dos principais obxectivos da súa Concellaría é o de recuperar a esencia do Festival posicionándoo como un dos referentes musicais de cada verán a nivel nacional e converténdose nunha plataforma que impulse as carreiras dos mozos músicos galegos e da música local.
“Un festival que conta coa presenza dunha banda que foi o himno dunha xeración e que posiblemente sexa o concerto de rock máis importante do verán en Galicia; que terá sobre o seu escenario ao talento persoal e libre de Kiko Veneno; a Los Enemigos, aos que moitos consideran o mellor grupo de rock español da historia; pero que ademais ten espazo para os novos talentos que van sorprender os miles de asistentes que cada ano apoian esta cita, é evidente que está no camiño de converterse nun dos grandes festivais do país”, concluíu.











