O Carballiño usará un falcón para solucionar o problema das pombas na zona urbana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaO Carballiño
A-
A+
O falcón "Rosa"

O falcón “Rosa”

Rosa, así se chama o falcón Harris que contratou o concello do Carballiño para eliminar o problema coas pombas, que estaban a espertar queixas entre os veciños e a hostalaría local. O tenente alcalde do concello carballiñés, Martín Nogueira, contacto cun cetrero da vila para poder solucionar o problema das pombas. Estas aves estaban a invadir zonas como a rúa Principal, e as prazas da vila, coas conseguintes molestias para veciños e hostaleiros, que vían como as pombas chegaban mesmo a subirse ás mesas para “roubar” os aperitivos, e tiñan que cambiar constantemente as antucas das terrazas, degradadas polas feces destas aves.

O falcón Harris “Rosa”, que ten dous meses de idade, comezará a realizar voos polas zonas claves da vila, espantando ás pombas. Tal e como sinalaba o edil Martín Nogueira escollemos esta solución porque nos parece as máis ecolóxica e natural para rematar cun problema que sufriamos todos a diario”. Rosa realizará os voos persuasivos todos os fins de semana, a primeira hora da mañá, para pouco a pouco advertir as pombas que non son ben recibidas.

O tempo para rematar con este problema non se pode fixar xa que, como apuntaba o cetrero Antonio Villar, “os animais responden de forma distinta, e polo tanto non podemos dicir cando rematará o problema pero, dende logo, é un sistema do máis efectivo”.

O novo “policía do aire” carballiñés comezará a realizar os voos polas zonas de maior concentración de pombas este sábado, a primeira hora da mañá, para que non interferir nin nos viandantes nin aos negocios deses espazos.

O efecto das pombas no Carballiño non afectaba só aos viandantes ou á hostalaría, tamén algunhas cornixas e edificios estaban a resultar atacados polo efecto abrasivo destas aves.

O alcalde Argimiro Marnotes sinalaba que “o problema das pombas era algo co que estabamos a convivir dende hai moitos anos, e tiñamos que adoptar unha solución. Cremos que esta ave vai ser un sistema eficaz e natural para espantar ás pombas do centro da vila. Se queremos seguir sendo un pobo que recibe moita xente, que moitos turistas veñen a gozar do noso ámbito, e como é lóxico, do terraceo carballiñés, temos que evitar como sexa estas molestias que causan as pombas”.

9 de xullo de 2013 | 15:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.