publicidade hoxe

O campionato galego de acuatlón celebrarase en Portosín o vindeiro 28 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocalPorto do Son
A-
A+

O Campionato Galego de Acuatlón 2013 celebrarase o domingo 28 de xullo no Real Club Náutico de Portosín coa participación de 215 deportistas. Os organizadores do evento son o Concello de Porto do Son e Arcade Inforhouse en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon. Os campións do 2012 son Uxío Abuín e Melina Alonso, que non estarán en Porto do Son.

Este torneo, que comezará as 10:30 horas coa saída de benxamíns e alevíns, disputarase en todas as categorías e as distancias son diferentes dependendo da idade dos participantes. Así os benxamíns e alevíns terán que facer 500 metros de carreira a pe, 200 metros de natación e 500 metros de carreira a pe. Os infantís sairán as 10:50 horas (1.000 metros, 400 natación e 1.000 metros), mentres que a saída cadete será ás 11:25 horas (1.500 metros, 500 natación e 1.500 metros). A pesar de que a proba estrela é a absoluta, nesta edición merece un apartado especial a proba cadete, grazas a o altísimo nivel dos deportistas galegos. Estarán nesta proba os campións e subcampións de España cadete de acuatlón masculino e feminino, xa que todos eles son galegos. Andrés Cendán e Carmén Gómez lograron o título por diante dos tamén galegos Inés Santiago e Marcos Ruíz. Así que poderemos ver en acción aos mellores de España.

Na categoría absoluta feminina Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) non defenderá o título do pasado ano e así ábrese un amplo abano de
posibilidades, xa que hai varias deportistas con opcións de loitar polo título: Marta Barbeito (A.D. Fogar), Silvia Deira (Arcade Inforhouse),
Xiana Rendo (Dexter Tríatlon), Estefanía Sande (Tríatlon Ferrol) ou Diana Cotón (Arcade Inforhouse).

Na categoría masculina parte como favorito Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) que está facendo unha moi boa tempada e cunha carreira a pe moi boa, mentres que non defenderá o título o campión do 2012 (Uxío Abuín). Ademais, estarán Alejandro Álvarez (Wild Wolf Cidade de Lugo) ou Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo) entre outros. As distancias na proba da categoría absoluta (13:00 horas) son
de 2.500 de carreira a pe, 1.000 metros de natación e 2.500 de carreira a pe.

Ademais, tamén terá lugar unha proba popular (11:55) na que as distancias serán de 1.500 de carreira a pe, 500 metros de natación e finalizará con 1.500 de carreira.

26 de xullo de 2013 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.