O campamento urbano de verán de Tomiño iniciouse coa participación de 40 nenos
O Campamento de Verán organizado polo Concello de Tomiño, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), iniciouse esta semana no Campo da Feira (parque situado no exterior da OMIX), coa participación de 40 nenos e nenas de Tomiño e outros tantos en lista de agarda.
A actividade, totalmente gratuíta, desenvólvese de luns a xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas, da man de monitores de Tempo Libre en prácticas e voluntarios, que estarán no campamento ata a súa finalización, a mediados do mes de agosto.
Deste xeito, corenta nenos e nenas de Tomiño e parroquias, algúns con necesidades educativas especiais, realizan coa axuda dos monitores, actividades lúdico-educativas (obradoiros, dinámicas de grupo, xogos populares, cancións, xincanas, etc.).
As titoras do campamento, son Andrea Paredes, voluntaria da OMIX dende hai varios anos, e Marín Vomm, voluntaria europea. Ao seu cargo, traballa unha decena de monitores de Tempo Libre en prácticas, moitos deles, procedentes do curso que recentemente impartiuse en Goián. Dende as nove da mañá, ocúpanse de ter aos nenos e nenas, divididos en grupos por idades, entretidos con diferentes actividades, como cantar cancións, realización de xogos dirixidos con expresión corporal e dramatización, obradoiro de manualidades e xogos libres para rematar a mañá.
Alén disto, lévanse a cabo actividades tamén no Campo da Feira os días venres pola mañá, coordinadas polo grupo de voluntariado da Cruz Vermella, que xa leva varios anos colaborando co Concello.
A concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Cristina Martínez, salienta a dobre aposta feita polo Concello, para brindar unha alternativa de ocio saudable aos máis pequenos da vila, e ao mesmo tempo, axudar ás familias traballadoras a conciliar a vida laboral e familiar.











