O barrio da Ponte vivirá as súas festas cun amplo programa de actividades culturais, lúdicas, deportivas e relixiosas
O barrio da Ponte vivirá un ano máis as súas festas tradicionais, cun amplo programa de actividades culturais, lúdicas, deportivas e relixiosas que se desenvolverán durante a próxima semana, organizadas pola Sociedade Artística Cultural Recreativa La Troya coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Ourense.
O programa de actividades presentouse esta mañá na sede de La Troya, nun acto no que participaron o presidente da sociedade cultural, José Manuel Estévez, o secretario e presidente da comisión organizadora das festas, Raúl Pérez, o párroco da Ponte, Luis Pérez, e a concelleira de Cultura, Ana Garrido.
O programa inclúe un maratón de fútbol sala, concertos da Banda de Música Municipal de Ourense, actuacións de seis orquestras (días 25, 26 e 27), o concerto VI Ponterock (cos grupos Malagoiro, Skalingrado e Bastard on parade, o día 26), xunto coa animación de rúa a cargo de charangas, grupos de gaiteiros e xigantes e cabezudos. Tamén haberá unha sesión de fogos artificiais, o día 27 pola noite, entre a Ponte Romana e a Ponte do Milenio. As atraccións festivas estarán instaladas ata o domingo, día 28, que será o tradicional Día do Neno.
O pregón das festas será a cargo do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o xoves, 25 de xullo, ás 12 da noite, na rúa Gómez Franqueira.
Paralelamente ás festas, os días 22 a 27 desenvolverase o Torneo de Padel A Ponte 2013, nas instalacións do club Padel 21.
Xunto coas actividades lúdicas e festivas, desenvolveranse os actos litúrxicos, entre os que salienta a misa e procesión na honra de Santiago Apóstol (o xoves, 25), na que participarán a Banda de Música Municipal e a Banda de Gaitas da Deputación, e a misa na honra de San Xoaquín e Santa Ana (día 26) cantada pola Coral de Ruada.
Na presentación desta mañá, a concelleira de Cultura, Ana Garrido agradeceu “profundamente” o traballo realizado pola comisión organizadora, gracias ao cal “toda a cidade poderá desfrutar dunhas festas que son emblemáticas”.











