O “banco de libros” de Pontevedra entregou preto de 2.000 libros a 264 familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Benestar Social Municipal continúa nestes días a xestión do Banco de Libros de Texto, coa entrega dos manuais de Secundaria e Bacharelato (os de Primaria xa están todas as peticións satisfeitas). Até o de agora atendeu 745 solicitudes, das cales quedan pendentes de entregar 304, todas estas últimas de Bacharelato e Secundaria.

Por familias, xa se achegaron a recoller libros á Casazul 264 familias, e están pendentes de achegarse a recoller os lotes solicitados 177 familias (a maiores das 264). Até o de agora repartíronse 1.953 libros, que poderían ter un valor aproximado no mercado duns 70.000 euros. Coas peticións aínda pendentes de entrega, poderíase chegar a un custe duns 140.000 euros de aforro para as familias pontevedresas, que poden empregar estes cartos para completar o lote de libros ou para complementar o material escolar necesario para o inicio do curso.

A Concellaría de Benestar dá por pechado a primeira recollida de libros (rematou o 27 de xuño), pero as familias aínda poden solicitar lotes de libros durante o verán e até esgotar existencias. Chegado o mes de setembro abrirase unha segunda recollida de libros (logo dos exames de setembro) para aquelas familias que os queiran dalos ao Banco de libros de texto.

O Banco de libros de texto que promove dende o pasado ano a Concellaría de Benestar Social Municipal que xestiona Carmen Fouces, ten unha dobre pretensión: por un lado, prolongar a vida útil dos manuais escolares dado que moitos deles rematan o curso en perfecto estado de uso e con posibilidades sobradas para ser reutilizados; e tamén contribuír á economía das familias pontevedresas que neste tempos de crise económica non están a pasar o seu mellor momento.

A pesar destes obxectivos coxunturais, a Concellaría defende que esta política de reutilización débese aplicar en todos os ámbitos da vida que sexa posible e en calquera momento, independentemente da situación económica. No caso dos libros escolares debera ser todos os anos como unha medida sustentábel e de conservación medioambiental, e como un proceso educativo máis.

16 de xullo de 2013 | 13:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.