O Aquarium Finisterrae da Coruña dedica o tanque cilíndrico á flora e fauna dos ríos galegos
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, informa de que a partir do próximo luns, 8 de xullo, para celebrar o recente recoñecemento Das mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como Reserva da Biosfera, o Aquarium Finisterrae preparou o acuario cilíndrico da sala Maremagnum para dedicalo aos ecosistemas acuáticos do Mandeo e os ríos galegos.
O tanque está ambientado coma se fose un pequeno tramo dun río galego e contén especies de fauna e flora características deste tipo de ecosistemas. Entre as especies de peixes da nova instalación destaca o espiñento (Gasterosteus gymnurus), un peixe de pequeno tamaño que debe o seu nome ás longas espiñas que ten no dorso e o ventre.
O espiñento tamén se distingue por unha característica moi especial do seu comportamento: durante a época de reprodución o macho constrúe un niño para que a femia deposite os ovos. Tamén é el quen se encarga de coidar os ovos e as crías recén eclosionados.
Outras especies de peixes singulares que poden verse no novo acuario son a voga (Pseudochondrostoma polylepis) e a bermejuela (Achondrostoma arcasii). A colección de fauna complétase con troitas, anguías, esturións, lampreas e diferentes especies de ras, tritóns e insectos.
O contido biolóxico do tanque produciuse en colaboración coa Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela, que tamén se encargou do asesoramento científico e a captura de especies.
Como complemento ao que se mostra no tanque, na zona inferior perimetral do módulo exponse unha colección de imaxes do fotógrafo coruñés Miguel López Caeiro. As instantáneas mostran diferentes paisaxes do río Mandeo e especies de plantas e animais que viven nas súas beiras.
A nova produción inaugúrase o próximo luns, 8 de xullo, e permanecerá aberta ata finais de ano. Ao longo deste período irase renovando o contido de especies de animais e plantas, que se utilizarán como recurso museográfico para ilustrar aspectos importantes da ecoloxía e conservación dos ríos galegos.











