O alcalde de Pontevedra coñece as melloras de Parques e Xardíns na senda urbana do Gafos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O alcalde visitou esta mañá as obras de reparación e mantemento que a Concellaría de Parques e Xardíns está a realizar na senda urbana do río Gafos. Acompañado da concelleira Anxos Riveiro, dos técnicos municipais e da empresa que realiza a obra por un valor preto aos 50.000 euros comprobou as melloras que se están a facer para ir paliando os danos do longo inverno.

A empresa está a traballar nas escaleiras de baixada á senda dende a praza de Ponte Boleira e tamén na pasarela de madeira baixo a ponte da
avenida de Vigo, onde se fixo un chorreo para retirar o verdello, estase tratando e colocando faixas metálicas para evitar esvarar nas escaleiras.

O paseo comezou na baixada áo río pola rúa Gorgullón, onde se colocou un sistema de canaletas con rexas que permitirán a recollida das
augas pluviais que afectan considerablemente a esta parte da senda. O desnivel da senda e a forza das augas pluviais nesta zona fan que se creen
fochas que dificultan o paseo.

Tamén se actuará na pasarela que conecta a senda coa traseira da avenida da Estación. Traballarase en toda a contorna da canal do río
reforzando as actuacións que se realizaron hai dous anos. Continuarase coa instalación dunha malla vexetal orgánica para conter a terra na ribeira do río.

Nestas zonas farase unha plantación propia da ribeira do Gafos con exemplares arbustivos de pequeno tamaño.

Farase unha revisión de todo o mobiliario urbano do parque coa retirada daqueles elementos que estean en mal estado, a restauración dos
que aínda sexan aproveitables e a colocación de novo mobiliario cando sexa preciso. Bancos e papeleiras están especialmente danados polas arriadas.

No tocante á xardinería, está prevista a poda, destoconado e, en moi poucos casos, a corta de exemplares que poidan resultar perigosos para as persoas ou que dificulten a mobilidade no parque. As talas serán moi escasas dado que o departamento xa realizou este traballo durante o inverno a medida que as árbores ían caendo cos temporais, ou retirando aqueles exemplares que estaban máis perigosos. Esta actuación irá acompañada da roza das distintas zonas verdes do parque e de plantacións cando sexa necesario.

Con esta actuación, a Concellaría de Parques e Xardíns que xestiona Anxos Riveiro pretende deixar a senda do Gafos en perfectas condicións de disfrute para os meses de verán. Noutros anos, esta actuación tense realizado no inicio da primavera, pero as chuvias deste ano non permitiron iniciar os traballos até a consolidación do bo tempo.

5 de xullo de 2013 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.