O alcalde de Ponte Caldelas dá a benvida aos 60 alumnos inscritos no curso preparatorio para exame de graduado ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
O alcalde na visita ao curso de graduado en ESO

O alcalde na visita ao curso de graduado en ESO

O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibiu esta mañá no Centro Cultural os 60 alumnos que participarán este ano no curso preparatorio para exame de graduado en ESO que se impartirá no municipio durante dous meses e non terá custo ningún para os asistentes.
Esta iniciativa formativa organizada polo Concello de Ponte Caldelas está coordinada pola Axente de Emprego e Desenvolvemento Local e pretende apoiar dende un punto de vista formativo e educativo aquelas persoas que no seu momento non finalizaron esta etapa dos seus estudos e que agora deciden intentalo, co apoio de profesionais da educación coordinados pola administración municipal.

Esta acción vai tamén especialmente dirixida a combater o abandono escolar para o cal se solicitou a axuda da Consellería de Educación, dentro do seu programa de loita para reducir a taxa de alumnos que tras o fracaso escolar abandonan os seus estudos.

Perfecto Rodríguez felicitou os alumnos asistentes pola súa decisión de retomar os seus estudos e defendeu a necesidade de adquirir coñecementos e preparación como ferramentas imprescindibles para lograr unha mellor penetración no difícil mercado laboral que temos debido á persistente crise económica. “Hoxe en día ter o graduado en ESO é un requisito fundamental para acceder a moitos postos de traballo, ou para facer determinados cursos de formación”.

O rexedor manifestou tamén aos asistentes que aproveitaran ao máximo os recursos formativos que o Concello pon á súa disposición co fin de que poidan sacarlle o maior rendemento posible de cara ao seu exame de graduación, que terá lugar o 12 de setembro en Pontevedra.

Os 60 alumnos serán divididos en dúas aulas que recibirán formación simultánea, durante os meses de xullo e agosto, no Centro Cultural os luns, mércores e xoves en horario de 10 a 13 horas. Así mesmo, aquelas persoas que así o soliciten poderán recibir clases de apoio os demais días da semana.

CONTRATACIÓN DE PROFESORES DE PONTE CALDELAS E UNHA BOLSEIRA DA DEPUTACIÓN PARA CLASES DE APOIO

A coordinación educativa foi encargada polo Concello a unha academia e os profesores destinados a esta actividade serán persoas residentes no municipio de Ponte Caldelas, especialmente contratadas pola academia para esta formación específica, a petición do Concello, co fin de fomentar a inserción laboral de persoas cualificadas para este labor, que están en situación de desemprego e que residen no mundo.

Ademais, o Concello de Ponte Caldelas destinará unha bolseira, facilitada polos plans de emprego e inserción laboral da Deputación de Pontevedra, para que realice labores de profesora de apoio e reforzo para aqueles alumnos que o necesiten co fin de que todos poidan chegar nas mellores condicións ao exame para obtención do graduado en ESO que se celebrará en Pontevedra o próximo 12 de setembro.

1 de xullo de 2013 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.