O alcalde de Ferrol visitará o municipio portugués de Matosinhos e o porto de Leixôes
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, desprazarase o vindeiro venres, día 2 de agosto, á localidade portuguesa de Matosinhos, onde manterá un encontro co presidente da Cámara Municipal Guilheme Pinto. Rey Varela estará acompañado do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jose Manuel Vilariño Anca, con quen visitará o porto de Leixôes – o segundo maior dos existentes en Portugal-, que alberga a maior terminal de contenedores do país. Esta terminal está operada pola compañía FCT, a mesma que xestionara a terminal de contenedores do Porto Exterior de Ferrol.
Así, Rey Valera avanzou que o obxectivo desta viaxe “é afondar nas relacións institucionais entre Ferrol e Matosinhos e potenciar as relacións existentes e que poidan existir nun futuro entre as dúas cidades”. Neste sentido, esta viaxe a Matosinhos preséntase como unha oportunidade de avanzar en novas relacións e sentar as bases para futuras sinerxias entre o porto de Leixôes e as instalacións que a Autoridade Portuaria local ten en Caneliñas.











