O alcalde de Ames reúnese con representantes da asociación de veciños Pedra do Fuso para avaliar as necesidades da parroquia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal
A-
A+

Membros do Goberno municipal de Ames co alcalde, Santiago Amor, á fronte reuníronse esta semana na Casa do Concello con representantes da asociación de veciños Pedra do Fuso, pertencente á parroquia de Ames. O obxectivo deste encontro coa directiva da asociación, presidida por Manuel Seijas Freire, foi coñecer de primeira man as necesidades desta parroquia amiense. Na reunión, á que asistiron varios membros da asociación de veciños, o rexedor estivo acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín; polo concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, e pola concelleira de Atención e Mediación Veciñal, Carmen Verde.

Entre outras cuestións, o rexedor amiense trasladoulle aos representantes da asociación veciñal que, con cargo ao POS 2013, se acometerán as obras de pavimentación e de mellora de varios camiños na parroquia de Ames. O Concello tamén informou aos veciños de que se solicitaron á Xunta medidas de seguridade viaria no tramo Quintáns-Cruxeiras a fin de contemplar a posibilidade de incluír unha senda peonil e tamén se pediron medidas de seguridade no entorno do CEIP de Barouta para evitar riscos aos usuarios do centro educativo e aos veciños da zona. Ademais, trasladóuselle á Dirección Xeral de Industria a necesidade dun estudo da rede eléctrica na zona de Ames de cara a mellorala e poder proporcionar aos veciños un correcto servizo de abastecemento eléctrico.

Na reunión tamén se abordaron outros temas, como a cobertura de banda larga existente na zona, ou a necesidade de levar a cabo pequenos arranxos no local social da asociación, entre outros. No encontro, alcalde e concelleiros informaron aos veciños e veciñas da asociación Pedra do Fuso de que o Concello está levando a cabo un plan de inspección de vertedoiros incontrolados, polo que solicitaron aos veciños colaboración para detectar aqueles puntos de vertido que haxa na súa parroquia. O Concello de Ames fai fincapé na importancia que ten a colaboración cidadá para a localización destes puntos nos que se acumulan residuos, dos que no que vai de ano xa se eliminaron máis de 200 puntos.

Os representantes do Goberno municipal tamén informaron aos veciños de que se está levando a cabo un plan de mantemento de pistas en todo o municipio, polo que lles pediron aos veciños que comunicasen ao Concello aquelas zonas con máis problemas para poder actuar sobre elas. Ademais, comunicóuselle aos veciños que nos últimos días, e no marco do programa de limpeza e desbroce de cunetas e pistas asfaltadas, o tractor municipal acometeu a limpeza das marxes en zonas do Camiño de Santiago que discorren pola parroquia.

3 de xullo de 2013 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.