O alcalde da Coruña inaugura a Feira das Marabillas máis completa da historia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira na visita á feira

Carlos Negreira na visita á feira

O alcalde, Carlos Negreira, acompañado polo tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, inaugurou esta mañá a XIX Feira das Marabillas que se celebra dende hoxe, ata o sábado 28 de xullo en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 24.00 horas.

Trátase dun evento tradicional na cidade que mellora ano tras ano e que se consolidou como o mellor preámbulo ás nosas grandes festas de agosto”, destacou o alcalde.

Entre as novidades deste ano destaca a ampliación do espazo da feira que incrementa o seu percorrido a toda a Cidade Vella e recupera a praza de María Pita coa celebración de xustas medievais todos os días ás 12.00 e ás 20.00 horas. As entradas poderanse adquirir no despacho que se instalará na praza de María Pita con prezos que oscilarán entre os 2 euros na venda anticipada nos locais comerciais da Cidade Vella, 3 euros nos combates de mañá e 4 euros pola tarde.

Esta ano tamén se ampliou a zona de actividades infantís. Ademais, a granxa de animais manterase permanentemente todos os días de feira, increméntanse os animais e recupérase a cetraría.

Na súa edición número 19, a Feira das Marabillas contará con novos espazos expositivos, concertos de música medieval, pasacalles, espectáculos, bailes, exposicións e desfiles.

Para a promoción dos festexos, os comerciantes da Cidade Vella editaron 600 carteis da feira, 400 carteis das Xustas e 250 para a tradicional cea medieval que se celebrará no Xardín de San Carlos o sábado 27 de xullo, a partir das 22.00 horas. Ademais repartiranse 9.000 programas co calendario de actos, horarios, teléfonos de interese e un mapa do Casco Histórico, que se repartirán na Oficina de Turismo, centros cívicos, bibliotecas, Ágora e Fórum Metropolitano, autobuses urbanos, establecementos comerciais da Cidade Vella, hoteis e asociación de comerciantes.

“Todas as actuacións en materia de festas, que supoñen atraer xente á cidade, se traducen en investimento en sectores tan puxantes e importantes para A Coruña como o turístico, o hoteleiro, o hostaleiro ou o comercial,” concluíu o alcalde.

23 de xullo de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.