O alcalde agradece a Mundos Digitales que faga da Coruña a capital mundial dos contidos dixitais durante tres días

Negreira na presentación
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asistiu esta mañá á inauguración da XII edición do Festival Mundos Digitales, que cualificou como “un referente internacional que acolle en primicia mundial as tecnoloxías máis avanzadas e que reúne na Coruña a máis de 400 participantes de luxo”, explicou. Neste sentido, destacou a presenza dos creadores dos personaxes e efectos especiais de The Hobbit; Carlos Grangel, deseñador de personaxes de películas como La Novia Cadáver, Piratas ou Hotel Transilvania; ou a do gañador dun Goya e responsable dos efectos especiais de Lo Imposible, Félix Bergés, “que converterán á Coruña na capital dos contidos dixitais durante tres días”.
Carlos Negreira recordou que o propósito do Goberno local é o de consolidar unha industria que xere empregos de calidade e faga da Coruña unha cidade de referencia no sector tecnolóxico. “A nosa presenza en Mundos Digitales responde á vocación deste Goberno municipal de xerar unha industria importante e de calidade en contidos dixitais. Trátase dunha oportunidade que non se pode deixar escapar. Estamos a establecer as bases do futuro e un bo exemplo é Coruña Smart City, que permitirá converter á cidade nun referente tecnolóxico, que creza e evolucione en torno ao mundo dixital,” destacou o alcalde que recordou que este xa é un dos sectores de futuro da cidade que conta coa industria, a creatividade e a formación: “De feito, a Sesión Especial sobre The Hobbit, a máis esperada desta edición, terá como relatores a dous estudantes do Máster en Creación e Comunicación Audiovisual da UDC e que traballan en WETA Dixital de en Nova Zelandia, un dos estudos máis prestixiosos do mundo en creación de películas animadas,”.
O rexedor indicou que os premios 3DAwards, considerados os Óscar de la Arquitectura Digital celebrarán a súa cerimonia de entrega de premios dentro da cerimonia do Festival. “Estes premios rexistraron este ano 3.000 entradas a concurso de todo o mundo. De todos estes proxectos seleccionáronse 5 finalistas en cada unha das súas sete categorías. Unha das compañías finalistas é a coruñesa Urbansimulations”, explicou.
O alcalde destacou desta XII edición as exhibicións, presentacións, conferencias e debates, así como tamén ao apartado de captación de novos talentos, onde 8 empresas nacionais e internacionais, dúas delas coruñesas, estarán presentes para coñecer xente e incorporala aos seus equipos de traballo.
“A Coruña é unha cidade de cine, e A Coruña é unha cidade pioneira onde Sellier rodou cine por primeira vez en España”, concluíu.











