O 29 de xullo comezará a quinta edición do campus municipal de baloncesto na Laracha
A quinta edición do campus de baloncesto que organiza Concello da Laracha desenvolverase do luns ao venres da próxima semana nas instalacións do pavillón polideportivo municipal da Laracha en horario de 11.00 a 13.00 horas.
A día de hoxe están anotados para participar 40 rapaces, quedando aínda prazas vacantes. A actividade vai dirixida a nenos de entre 5 e 14 anos de idade. A inscrición é gratuíta, xa que o Concello da Laracha asumirá integramente os custos.
O obxectivo deste campus é fomentar a práctica do baloncesto e tamén iniciar nesta modalidade deportiva aos nenos que non tiveron contacto con ela, xa que non é necesario ter coñecementos previos para poder inscribirse. Os participantes terán ocasión de aprender aspectos técnicos, tácticos e tamén cuestións relativas ao regulamento do baloncesto.











