Nove nenos de Tinduf participan no programa de acollida “Vacacións en paz” en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A concelleira de Benestar Social, Marga Martín, saudou esta mañá no Salón de Plenos, xunto a técnicos da Concellería e membros da asociación solidariedade galega co pobo saharaui, aos nove nenos que participan nunha nova edición do programa “Vacacións en Paz” do Concello de Ourense. Co fin de proporcionarlles unha experiencia agradable a estes nenos e nenas nados nun clima de guerra e darlles a posibilidade de coñecer formas distintas de vida, nove familias ourensás os acollerán durante os meses de xullo e agosto.

Durante a súa estadía, os nenos realizarán diversas actividades en grupo, como a visita ás zonas termais e outros rincóns da cidade. Así mesmo, os nenos e nenas participantes que o desexen, que teñen entre 7 e 12 anos de idade, poderán realizar consultas odontolóxicas gratuítas.

O programa de acollida, que se ven desenvolvendo na cidade dende 1996, realízase a través dun convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. A súa estadía en Ourense evita que permanezan no deserto nos meses de máis calor, que en ocasións superan os 50 graos á sombra. O Concello sufraga os gastos de avión e autobús e organiza actividades de lecer cos rapaces durante a súa estadía para reforzar as relacións con outros menores residentes na cidade e darlles a oportunidade de coñecer unha nova cultura, un novo idioma, uns novos costumes.

O programa pretende, en definitiva, proporcionarlles beneficios en materia de saúde e vitalidade, e darlles a oportunidade de desfrutar dun clima máis benigno, dunha mellor alimentación, non limitada polas condicións extremas do deserto, establecer relacións de amizade con nenos ourensáns e fortes vínculos coas familias de acollida, que en moitos casos mantéñense no tempo.

16 de xullo de 2013 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.