Negreira pide “diálogo fluído” a Albada para chegar a acordos e mellorar o funcionamento da planta de reciclaxe
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, solicitou á concesionaria da planta de reciclaxe de Nostián, Albada, e aos seus traballadores que manteñan un “diálogo fluído” para alcanzar acordos, o que redundará nun mellor funcionamento da instalación.
“Para o Goberno municipal, Nostián segue sendo unha planta cuxo obxectivo é que cada día mellore un pouco máis. Por este motivo, a concesionaria e os traballadores deben manter un diálogo fluído para chegar a acordos”, afirmou o alcalde, quen recordou o esforzo investidor que realiza o Concello no servizo de tratamento de residuos sólidos urbanos.
“O Concello e os coruñeses pagan por este servizo e o que queremos, como titulares da planta de reciclaxe, é que funcione o mellor posible”, destacou o alcalde. Carlos Negreira explicou que este ano se manteñen os índices positivos que xa se puideron constatar en 2012 en Nostián. O nivel de rexeitamentos rebaixouse nos dous últimos anos en 8 puntos. Así, o volume de reciclaxe actual en Nostián é do 56%.











