Negreira destaca que o novo PXOM asegura o carácter industrial da Fábrica de Armas e protexe a Torre de Hércules

Almorzo coa Asociación da Prensa
O alcalde, Carlos Negreira, anunciou a publicación, esta mañá, do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no Boletín Oficial da Provincia (BOP), polo que entrará en vigor dentro de quince días. Tiñamos un PXOM con 27.000 alegacións pola cuestión dos edificios fóra de ordenación, con 12 informes negativos de distintas administracións públicas, que contemplaba a construción de 5 mamotretos en Durmideiras que supoñerían a exclusión da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade e que recualificaba como uso residencial os terreos da Fábrica de Armas,” explicou Negreira e engadiu: “Demos solución a estes problemas en tempo récord. O fóra de ordenación desapareceu totalmente do PXOM, evitamos calquera tentación especulatoria que puidesen xurdir na Fábrica de Armas e protexemos á Torre de Hércules que non contará con ningunha actuación sen o consentimento da UNESCO”.
O rexedor, que participou nos Faladoiros do Finisterre que organiza a Asociación da Prensa Da coruña, destacou tamén o carácter participativo do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán que informou “casa por casa” os veciños e que contempla as características concretas de cada zona fragmentándose en catro espazos distintos e atendendo así ás peculiaridades de cada ámbito.
Carlos Negreira reiterou que estes dous anos estiveron marcados por dous aspectos fundamentais: “Intentar vivir como os cidadáns, apertándonos o cinto e eliminando os gastos suprefluos; e solucionar os problemas que nos encontramos sobre a mesa sobre todo en materia de Urbanismo, como os casos deSomeso, Conde de Fenosa e Náutica intentando minimizar o custo para os cidadáns; un camiño que parece que estamos a conseguir grazas a unha estratexia xudicial correcta”, destacou o alcalde que insistiu na importancia das grandes infraestruturas para o desenvolvemento da cidade como o aeroporto, o Porto Exterior ou a Terceira Rolda “que recibiu en 2 anos, 55 millóns de euros, cinco veces máis que nos catro anos anteriores”, matizou e agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.
Neste sentido, o alcalde recordou o investimento no Complexo Hospitalario da Coruña e, en concreto, no servizo de Urxencias que estará finalizado este mesmo ano, e a licitación nos próximos días das obras da Fábrica de Tabacos por máis de 20 millóns de euros. Tamén fixo fincapé no desenvolvemento realizado nos barrios como as últimas adxudicacións no Castrillón ou nas Conchiñas. “Falamos ademais de tres novas escolas infantís ou dos 60 pisos que puxemos a disposición das persoas en posible risco de exclusión social. Isto sen esquecer que triplicamos as axudas de emerxencia social ou que incrementamos nun 67% as axudas a entidades colaboradoras”.
Carlos Negreira destacou o papel fundamental das cidades na sociedade actual e resaltou proxectos como Coruña Futura ou Smart City que nos sitúan á vangarda, adiantándonos e preparándonos para as axudas europeas que no período 2014 -2020 sumarán uns 21.000 millóns de euros.
Fábrica de Armas
O alcalde volveu reiterar o compromiso do Goberno municipal na busca dun xestor industrial que lidere o proxecto da Fábrica de Armas: Teríanos gustado ter máis tempo, así solicitámosllo a General Dynamics, pero sigo facendo todo o posible para que casen as pezas e delimitar nestas semanas a ese xestor industrial e ese proxecto que pasa por diversificar a produción da factoría”, concluíu.











