Negreira asina un convenio coa Asociación de Fútbol Afeccionado por valor de 200.000 euros para fomentar o deporte base
O alcalde, Carlos Negreira, asinou un convenio coa Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) por un importe de 200.000 euros. O Goberno municipal realiza esta colaboración co obxectivo de fomentar o deporte base entre os máis novos e axudar á entidade que preside Manuel Vázquez Martínez na organización das súas actividades, unha programación coa que ofrece unha alternativa deportiva a máis de 5.000 nenos e nenas da cidade.
O Concello, a través da Concellaría de Deportes, incrementou este ano a axuda á Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña nun 10,5%, ata alcanzar os 200.000 euros. En dous anos de mandato, o actual equipo de goberno apuntalou o seu compromiso co deporte base a través da AFAC ao destinar 460.940 euros a esta entidade que traballa para que o deporte siga sendo un elemento fundamental na iniciación e formación dos máis novos na práctica do deporte e, en especial, do fútbol afeccionado.
Tanto o Concello coma os 29 clubs que integran esta asociación coruñesa colaboran en actividades que fomentan valores tan importantes como o compañeirismo, a convivencia, o traballo en equipo e o respecto aos demais, ademais de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. No acto de firma do convenio, o alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, e pola directiva da Asociación de Fútbol Afeccionado de A Coruña, encabezada por Manuel Vázquez Martínez.











