Neda conclúe as obras de reparación da cuberta do Albergue Municipal de Peregrinos
O Concello de Neda anunciou esta mañá o remate dos traballos de re-paración da cuberta do Albergue Municipal da localidade, o primeiro para os peregrinos que realicen a Ruta Xacobea percorrendo o Camiño Inglés. Así, hai meses, o goberno municipal iniciaba as xestións coa Oficina Técnica do Xacobeo para recabar a súa colaboración de cara a financiar a intervención necesaria para reparar a citada cuberta. Técnicos do servizo desprazáronse entón á localidade para realizar un informe e a correspondente valoración económica duns traballos que comezaban o mes pasado. Fundamentalmente, a cuberta presentaba tellas danadas e descolocadas, desperfectos en canalóns e deficientes remates. Todo isto viña a provocar filtracións ao interior e danos no falso teito. Problemas que quedaron resoltos coas obras executadas.











