Mourelo asegura “unha carreira nocturna espectacular” dentro do circuíto Sanitas MARCA Running Series

Presentación da carreira
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou esta mañá a carreira Sanitas MARCA Running Series da Coruña, que a cidade acollerá o próximo sábado, 27 de xullo a partir das 20.00 horas.
“A Coruña acolle unha proba nocturna espectacular cun percorrido inesquecible a pés do océano nun atardecer de verán”, destacou o concelleiro que explicou que o circuíto xa pasou por Valencia, Sevilla, Valladolid, Segovia e León e percorrerá en total once cidades españolas: “Trátase dun itinerario único en España pola súa rapidez e beleza”.
As competicións, de 5 e 10 quilómetros segundo a elección dos corredores, terá saída e chegada na praza de María Pita: “Trátase dun percorrido apto para todos os públicos e inmellorable para aqueles intrépidos que busquen bater as súas marcas”, destacou Mourelo.
O prazo de inscrición finaliza o venres 26 de xullo ás 15.00 horas ou ao esgotarse os 2.000 números dispoñibles para a carreira. As inscricións poden realizarse na páxina web municipal www.carreraspopulares.com e en www.championchipnorte.com.
Admitiranse inscricións o día da carreira, na zona de saída ata 45 minutos antes do inicio da proba, sempre e cando queden dorsais.
Esta iniciativa únese ao programa de carreiras populares que deseñou a Concellaría de Deporte coa intención de fomentar o deporte e involucrar ás asociacións veciñais e clubs da cidade e que contou cunha grande aceptación na cidade.
Na presentación Francisco Mourelo estivo acompañado por Adriana González, de Unidade Editorial; Gabriel Cabana, director de Sanitas Galicia; Antonio Cortés, director comercial de Gadisa; e o atleta galego Manuel Hurtado, dous veces gañador da Media Maratón coruñesa e que será un dos padriños da cita coruñesa.











