Monforte acollerá a IX edición da Festa do Río
A Festa do Río de Monforte chega á súa novena edición cun programa de actividades que se desenvolverá durante toda a xornada do sábado día 27 de xullo.
A Festa, como cada ano, pretende ofrecer varias alternativas para pasar o día a carón do Cabe. Dende a mañá á noitiña haberá múltiples actividades: paseos en barca gratuítos, competicións deportivas, exposicións, xogos para os cativos, obradoiros, maxia, humor, contacontos, inchables gratuítos, ambientación musical, microteatro,…
O espazo da Festa contará cunha caseta onde se informará sobre as diferentes actividades e os seus horarios, xunto con outras de exposición e venda de diversos produtos artesanais e relacionados co río, así como cunha caseta de hostalería na que se poderán mercar bebidas e alimentos.
As competicións deportivas de piragüismo e natación, os obradoiros, e os xogos de auga e medio ambientais, terán papel protagonista na Festa. Os obradoiros comezarán ás once da mañá cun dedicado á cestería que se celebrará no claustro do Centro do Viño, mentres que ó longo do día desenvolveranse outros de barro, pintacaras, globoflexia e pintura creativa que terán como escenario o ámbito da Festa.
A Festa do Río conta co patrocinio da Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura, da Deputación Provincial de Lugo, sen o cal resultaría moi complicado poder levar a cabo esta celebración.
O Concello agradece a colaboración de tódalas asociacións monfortinas que participan na organización da Festa do Río.
En documento adxunto poden ver o programa completo da IX edición da Festa do Río.











