Modificacións no tráfico rodado por obras na cidade
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa de que, con motivo das obras de fresado e reposición de pavimentos na avenida Primo de Rivera, é necesaria a eliminación das zonas de estacionamento e a ocupación dos carrís de circulación nos que se realicen os traballos que abranguerán dende o cruzamento coa rúa Ramón e Cajal ata a rúa Rafael del Río. A execución dos traballos está prevista para o 17 de xullo.
Na actualidade, estase a asfaltar o carril dereito en sentido saída da cidade -tramo da avenida Primo de Rivera entre Ramón e Cajal e Costa da Palloza- e fresando dous carrís en dirección entrada no mesmo tramo. Mañá, xoves 11 de xullo, asfaltarase o fresado no día de hoxe e fresaranse os carrís do sentido entrada do segundo tramo da obra, é dicir, dende Costa da Palloza ata a escalinata Rafael del Río, que será asfaltado o venres. Ese mesmo día fresarase e asfaltará parte do carril esquerdo en sentido entrada do tramo entre Ramón e Cajal e a Costa da Palloza.
O resto de traballos pendentes realizaranse a próxima semana, entre os días 15, 16 e 17 de xullo. En todo momento se manterá como mínimo un carril de circulación para o paso de vehículos en cada sentido.
Por outra parte, a Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público aproveita para informar que, en coordinación coa Concellaría de Infraestruturas, se mantén un dispositivo especial de tráfico con motivo das obras da avenida de Finisterre. O plan execútase en diferentes fases dende o cruzamento coa rolda de Outeiro ata a intersección coa rúa Alfredo Vicenti co obxectivo de minimizar ao máximo a afección que esta obra poida xerar na circulación. O Goberno municipal inviste 150.000 euros (máis IVE) neste proxecto que forma parte do plan de renovación de pavimentos e de espazos públicos, o que permite cumprir o compromiso de renovar e garantir unha mellor conservación das rúas da cidade.
O primeiro tramo en obras, entre as roldas de Outeiro e de Nelle, subdivídese á súa vez en tres fases, dende a rolda de Outeiro ata a praza Castillo de Olite, dende a praza Castillo de Olite ata a rúa Gramela e dende a rúa Gramela ata a rolda de Nelle. No tramo que se está a executar entre a rolda de Outeiro e a praza de Castelo de Olite, eliminouse o tráfico en sentido entrada á cidade. O percorrido alternativo -deseñado para permitir o avance das obras e minimizar o máximo posible os posibles problemas circulatorios- é continuar pola rolda de Outeiro e a avenida Das conchiñas para retomar a avenida de Finisterre pola rúa Gramela. Esta ruta é a que tamén realizan as liñas de autobús 6 e 6 A.
A continuación, realizarase o segundo tramo da primeira fase, é dicir, entre a praza de Castelo de Olite e a rúa Gramela, onde tamén se eliminará de xeito provisional o tráfico en sentido entrada á cidade e se permitirá a circulación en dirección saída. A previsión é arrancar as obras deste novo tramo o próximo luns, 15 de xullo.
O dispositivo inclúe presenza policial na zona afectada e itinerario alternativo e, concretamente, na confluencia da rolda de Outeiro coa avenida de Finisterre e da rolda de Outeiro coa avenida Das conchiñas, para facilitar aos condutores a información necesaria, así como prever que non se produzan afeccións que obstaculicen a normal circulación do itinerario alternativo.











