Modificacións na recollida de refugallos pola folga de tratamento de lixo
1. O Concello da Coruña informa de que, con motivo da folga de tratamento de lixo, se solicitou a Cespa, a empresa de recollida, a posta en marcha un dispositivo especial para intentar cubrir toda a cidade. Así mesmo, instóuselle articular todas as medidas necesarias para que a folga teña a mínima incidencia posible nos cidadáns.
2. O Concello informa de que se poderían producir algúns axustes e modificacións nos horarios de recollida e no operativo habitual.
3. O Concello fixou os servizos mínimos en función da normativa da folga vixente e da complexidade das quendas e operacións de tratamento na planta. Estes servizos mínimos son inferiores aos fixados na folga de 2011.
4. O Goberno local subliña que esixirá as partes implicadas no conflito que tomen as medidas necesarias para evitar que os coruñeses se convertan nos reféns desta folga. Neste sentido, insta a empresa e os representantes sindicais do comité de folga a que se senten e continúen as negociacións para que cun acordo se poña fin ao conflito, porque as solucións a un problema laboral deben tomarse nos despachos e non nas rúas.
5. O Concello quere mandar unha mensaxe de tranquilidade xa que fará todo o necesario para loitar polo interese xeral deste municipio.











