Mobilidade e Infraestruturas compaxinan a circulación pola avenida de Finisterre coas obras de renovación de pavimento
O Concello da Coruña, a través do departamento de Mobilidade e en coordinación coa Concellaría de Infraestruturas, programou dende onte un dispositivo especial de tráfico con motivo do inicio das obras da avenida de Finisterre. O plan execútase en diferentes fases dende o cruzamento coa rolda de Outeiro ata a intersección coa rúa Alfredo Vicenti co obxectivo de minimizar ao máximo a afección que esta obra poida xerar na circulación.
O Goberno municipal inviste 150.000 euros (máis IVE) neste proxecto que forma parte do plan de renovación de pavimentos e de espazos públicos, o que permite cumprir o compromiso de renovar e garantir unha mellor conservación das rúas da cidade.
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, en coordinación coa área de Infraestructuras, deseñou un operativo especial. Así, o primeiro tramo en obras, entre as roldas de Outeiro e de Nelle, subdivídese á súa vez en tres fases, dende a rolda de Outeiro ata a praza Castillo de Olite, dende a praza Castillo de Olite ata a rúa Gramela e dende a rúa Gramela ata a rolda de Nelle.
No tramo que se está a executar entre a rolda de Outeiro e a praza de Castelo de Olite, eliminouse o tráfico en sentido entrada á cidade. O percorrido alternativo -deseñado para permitir o avance das obras e minimizar o máximo posible os posibles problemas circulatorios- é continuar pola rolda de Outeiro e a avenida Das conchiñas para retomar a avenida de Finisterre pola rúa Gramela. Esta ruta é a que tamén realizan as liñas de autobús 6 e 6 A.
A continuación, realizarase o segundo tramo da primeira fase, é dicir, entre a praza de Castelo de Olite e a rúa Gramela, onde tamén se eliminará de xeito provisional o tráfico en sentido entrada á cidade e se permitirá a circulación en dirección saída. A previsión é arrancar as obras deste novo tramo o próximo luns, 15 de xullo.
O prazo da execución destes dous tramos da primeira fase será de ao redor de dúas semanas. O dispositivo inclúe presenza policial na zona afectada e itinerario alternativo e, concretamente, na confluencia da rolda de Outeiro coa avenida de Finisterre e da rolda de Outeiro coa avenida Das conchiñas, para facilitar aos condutores a información necesaria, así como prever que non se produzan afeccións que obstaculicen a normal circulación do itinerario alternativo.











