Medio cento de cativos acoden a diario á aula lúdica da Laracha durante os meses de verán

Unha das actividades de verán
A aula lúdica municipal do Concello da Laracha está a rexistrar excelentes cifras de asistencia desde que se adaptou o seu horario ás vacacións de verán tras rematarse o curso escolar. Durante os últimos días están acudindo a esta instalación municipal, situada no edificio de servizos múltiples, unha media de medio centenar de nenos en cada xornada.
Actualmente son un total de 111 os nenos matriculados como usuarios da aula lúdica, estando totalmente cuberto o cupo de prazas dispoñibles. As persoas que soliciten novas matrículas pasarán a unha lista de espera e poderán ser usuarios en función dos rapaces que se dean de baixa. Os únicos requisitos para presentar a solicitude é que o neno estea empadroado no Concello da Laracha e teña entre 3 e 12 anos de idade.
Na aula lúdica municipal os rapaces están en todo momento atendidos por persoal docente especializado en educación infantil e realizando diversas actividades didácticas e educativas en compañía de rapaces da súa mesma idade. Ademais, durante o verán realízanse dúas sesións semanais de contacontos co obxectivo de fomentar a lectura entre os cativos, unha iniciativa que foi galardoada en varias ocasións co premio María Moliner que outorga o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O servizo que se ofrece nesta instalación municipal a través do programa Harmoniza –cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña- é unha das principais medidas do Concello da Laracha dirixidas ao apoio da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo. A aula lúdica está en funcionamento de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas durante os meses de verán e non ten custo algún para os seus usuarios











