Máis de 5.000 persoas visitaron o claustro gótico de San Francisco e o centro José Ángel Valente do Banco de España
Os dous espazos culturais postos en marcha durante o último mes están obtendo unha boa acollida do público, tanto dos ourensáns como dos turistas que visitan a nosa cidade. Entre o centro municipal José Ángel Valente, do Banco de España, e o claustro gótico de San Francisco, suman xa 5.041 visitantes desde a súa apertura ao público.
A planta baixa do edificio do Banco de España, que abriu ao público o pasado 20 de xuño, trala rehabilitación levada a cabo polos arquitectos Alfredo Freixedo e Pedro Diéguez, xa foi visitado por un total de 4.026 persoas, cunha media diaria de 251. Cun perfil de público moi heteroxéneo, que vai desde familias con nenos ata maiores e parellas mozas, os visitantes sorpréndense co resultado da rehabilitación do edificio, no que sobresae a vidriera e a claridade do espazo, así como coa exposición de arte contemporánea “Identidade e Ausencia”, o primeiro contido trala rehabilitación.
As 23 pezas de arte contemporáneo, con fotos, esculturas e proxeccións audiovisuais, cun percorrido pola representación da figura humana ao longo dos últimos vinte anos, causan unha grata impresión entre os visitantes.
Máis de 1.000 visitas ao claustro de San Francisco en nove días
A ansiada reapertura dunha das pezas máis significativas do patrimonio monumental de Ourense tampouco pasou desapercibida entre os ourensáns, e en maior medida entre os turistas que visitan a nosa terra. Reaberto ao público o 27 de xuño cun concerto, unha vez rematadas as obras do novo acceso ao recinto histórico, o claustro recibiu un total de 1.015 visitas, cunha media de 112 persoas diarias.
Así, multitude de peregrinos, ourensáns que realizaron os servizo militar no recinto, investigadores, e mesmo un grupo de escolares entre 6 e 13 anos percorreron o histórico claustro, desfrutando tanto da arquitectura como do xardín central do mesmo. O perfil do visitante é un varón duns 45 anos, en grupos de entre 3 e 5 persoas.
Nestes días xa se deron anécdotas como a visita de varias horas dun investigador alemán adicado á fotografía e búsqueda de capiteis, ou as lembranzas dun militar que fora castigado nas cociñas do claustro pelando patacas.
Así mesmo, formalizouse unha petición para recuperar, o día 29 de xullo, unha das históricas tradicións do espazo, a realización das fotos de boda de parellas recén casadas.
A concelleira de Cultura, Ana Garrido, amosou a súa satisfacción pola boa resposta do público á apertura dos dous espazos. Salientou a centralidade do Banco de España, cunha “ubicación inmellorable” e unha rehabilitacion “dun gusto exquisito”; e o marco incomparable do claustro gótico de San Francisco, “unha xoia arquitectónica que ninguén debe deixar de visitar”.
O sábado tivo lugar no claustro un espectáculo de danza dentro do programa “Corpo a terra”, que contou coa presencia duns 150 espectadores, na súa maioría mozos. “Pretendemos, con este tipo de actos, dar a oportunidade aos mozos e mozas de coñecer este espazo mentres desfrutan doutras actividades, acadando un escenario idílico”











