Máis de 15.000 metros lineais de roces e limpeza de camiños e fincas executáronse do 27 de xuño ao 3 de xullo
O Concello de Ferrol fixo balance sobre as actuacións de roce e limpeza de camiños e cunetas nas parroquias de Mandía, Covas, Marmancón, Doniños, A Graña, San Xurxo e Leixa acometidas do 27 de xuño ao 3 de xullo, segundo os datos facilitados por Tragsa, empresa que ten encomendado este servizo. Este programa integral forma parte do Plan de Barrios, posto en marcha polo Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela, e conta cun investimento total para o presente exercicio de algo máis de 76.000 euros.
Un total de 15.037 metros lineais de roce de marxes de camiños foron executados polos operarios da empresa adxudicataria da prestación municipal nas parroquias do rural anteriormente citadas. Os medios empregados nestas actuacións son dous equipos cun total de catro operarios con motodesbrozadoras, un encargado de obra, tres tractores de rodas con desbrozadora mixta, unha furgoneta e un vehículo todoterreno.
Plan de Barrios
Este programa de traballos de limpeza de camiños na zona rural, que forma parte do novo Plan de Barrios, se complementa coa actuación de sinalización e pintado, co servizo de mantemento de infraestruturas viarias e co programa integral para a instalación de papeleiras.











