Lalín remata a dixitalización do seu arquivo almacenado en 6 teras de información
Seis teras de información recollida en tres discos duros de 2TB cada un. Esta é a capacidade en soporte informático dos traballos de dixitalización do Arquivo de Lalín que levaron adiante Almudena Quintana, Paula Fernández e Simón Vicente López ao longo dos últimos cinco meses no Concello de Lalín dentro do programa de escaneado documental que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver nos concellos da provincia e que no municipio lalinense chega estes días ao seu fin.
Román Rodríguez, voceiro do grupo de Goberno, quixo compartir con estes tres profesionais, como xa fixera á súa chegada, uns momentos antes da despedida do Concello de Lalín e do seu desprazamento ao Concello da Estrada, onde comezarán en breve idénticos traballos.
Os mozos comentáronlle a Rodríguez González que a información recollida nos tres discos duros obra xa en poder da Deputación Provincial, almacenada nun gran servidor, e que a intención do organismo é facela accesible nun futuro para consulta telemática dos cidadáns.
O tenente alcalde agradeceu a Paula, Simón e Almudena o seu “magnífico traballo” e destacou o seu incalculable valor desde o punto de vista histórico-documental, posto que entre os preto de 20.000 folios dixitalizados atópanse documentos de gran valor, como os expedientes relativos a Fillos Ilustres de Lalín e outros moitos que segundo explican non se puderon parar a analizar pola rapidez que exixe o traballo mecánico de escaneado e dado o elevado volume de páxinas informatizadas, unha media de entre 2.000 e 2.500 follas ao día que trataron transformándoas en imaxes de alta resolución.
Román Rodríguez fixo fincapé en que “con este proceso de dixitalización se mellora o acceso ao Arquivo á hora de consulta de documentos como poden ser os libros de amillaramento ou os acordos de xunta de goberno”. “Facilitará o traballo e a organización municipal e se dará mellor servizo aos cidadáns, xa que facilitará o desenvolvemento de todo tipo de estudos e investigacións”, remarca.
Almudena, Simón e Paula desenvolveron esta laboriosa tarefa nas dependencias do Arquivo, no semisoto da Casa Consistorial, de man de tres escáneres cenitales de grandes dimensións idóneos para tratar imaxes en alta resolución e en condicións mínimas de luz para garantir así a mellor calidade dos traballos que conformarán o Arquivo dixital da Deputación de Pontevedra.











