Lalín inicia o curso de verán “Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: A escola da comunicación igualitaria”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

O IX Curso de Verán de Igualdade 2012 “Novas fronteiras de igualdade de oportunidades 2.0: a escola da comunicación igualitaria”, promovido pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín e o departamento MIDE da USC, comezou esta mañá en Lalín e desenvolverase ata o próximo venres, día 19 de xullo, inclusive, en horario de mañá e tarde. Nas ponencias que ofrecerán 15 persoas expertas de recoñecido prestixio sobre problemáticas de gran interese no momento actual como, poden ser, por citar tres, os estereotipos de xénero na fala cotiá, o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación ou sobre prácticas ou políticas discriminatorias tomarán parte ao redor dun cento de persoas entre profesorado, alumnado e relatores.

Na inauguración interviron o alcalde de Lalín, José Crespo; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva Hermo; e o presidente de CSIF Galicia, José Francisco Méndez Castro. Carmen Plaza, directora do Instituto de la Mujer confirmou que non podía vir a última hora da tarde de onte. Asistiron tamén as concelleiras de Igualdade, Paz Pérez e de Cultura, María Álvarez.

O alcalde de Lalín dirixiuse ao alumnado para darlle a benvida a Lalín, ao tempo que agradecer a colaboración da secretaria xeral da Igualdade, da USC, do CSIF Galicia, de Socyser e de todas as entidades colaboradoras que fan posible esta IX edición do curso de verán de igualdade.

Crespo indicou, como dato destacable que “o 97% do alumnado que participou no curso o ano pasado recomendou a súa realización segundo o estudo de valoración de curso de verán da USC”, o que o confirma entre os mellores da USC. O alcalde desculpou a súa presenza por ter que marcharse a Marín a asistir ao acto de entrega de despachos oficiais da Escola Naval.

De seguido, José Francisco Méndez Castro, presidente de CSIF Galicia, destacou a necesidade “dunha abordaxe integral da igualdade de xénero”.

Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade resaltou que “dos concellos de Galicia, Lalín é especialmente sensible a estes temas”. Referiuse a violencia de xénero como “a maior e máis dramática das desigualdades” e indicou que co VI Plan Galego para a Igualdade de Mulleres e Homes a Xunta trata de potenciar un modelo social máis equitativo en xénero. Así mesmo a representante da Xunta falou dos medios de comunicación como “unha ferramenta de cambio social fundamental”.

López Abella precisou que “as mulleres galegas están historicamente afeitas a superar os retos máis difíciles; nesa mesma liña seguimos a traballar”, indicou ao remate da súa intervención.

PERSPECTIVA DE XÉNERO NA EDUCACIÓN

Por último, Benita Hermo, vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, vicerreitoría da que dependen a Oficina de Xénero da USC precisou que “este curso de verán é xa un veterano que vai pola novena edición pero que se renova cada ano”. Fixo fincapé na importancia dos cursos de verán para “formar en valores e por crear persoas cun espírito crítico para analizar os problemas do mundo actual”. E tamén por introducir a perspectiva de xénero na educación. Neste sentido dixo que a USC viña de abrir a cuarta edición dos Premios “Perspectiva de xénero na educación” para precisamente fomentar a igualdade de oportunidades desde o ámbito educativo.

16 de xullo de 2013 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.