Lalín desbrozará 270 hectáreas en vías de titularidade municipal na totalidade das parroquias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

O Concello de Lalín vén de remitir, debidamente asinado, á Consellería do Medio Rural e do Mar, e tras ser aprobado pola Xunta de Goberno Local, o convenio de colaboración para a participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos de desbroce en vías e camiños de titularidade municipal, cofinanciado a través do Fondo Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural), no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

Así o anuncia o edil de Infraestruturas Rurais, Antonio Rodríguez Rodríguez, que explica “que o Concello de Lalín desbrozará unha superficie total de 270 hectáreas en vías municipais da totalidade das parroquias de Lalín, das que ao redor de 200 hectáreas se farán ao abeiro do dito convenio con Medio Rural”.

Rodríguez Rodríguez aclara que “estamos xa desbrozando nas parroquias -concretamente, nas parroquias de Fontecabalos, Lebozán, Gresande, Catasós, Camposancos e Sello, dentro do cupo das 70 hectáreas non incluídas no convenio-” e indica que “unha vez a Consellería nos devolva o convenio definitivo, comezaremos os traballos de desbroces correspondentes ás 200 hectáreas que entran dentro do convenio”.

“Para o desenvolvemento destas tarefas utilizaremos medios propios, concretamente, dous tractores con desbrozadora, un que xa temos e outro que incorporaremos en breve a través do PID da Deputación de Pontevedra”, indica Rodríguez. “Intentaremos desbrozar o maior número de hectáreas con medios propios, pero dependendo do ritmo dos traballos poderemos contratar algunha axuda externa”, afirma.

Os ditos traballos consisten na realización de labores preventivas nos estratos arbóreos, arbustivo e subarbustivo a fin de que os camiños queden limpos de vexetación e se minimicen as posibilidades de risco de incendios. Os labores preventivos que se fan con cargo ao convenio (200 hectáreas) deberán rematar como data límite o 30 de setembro e o prazo de xustificación dos mesmos finalizará o 15 de outubro.

10 de xullo de 2013 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.