José Manuel Rey Varela recibe a Domingo Bello Janeiro, director da UIMP en Galicia

Recepción na Casa do Concello
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu esta mañá a visita do director da sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) en Galicia, Domingo Bello Janeiro. O encontro tivo lugar no despacho de Alcaldía do Pazo Municipal para despois trasladarse ao Salón de Recepcións onde o director e catedrático de Dereito Civil firmou no Libro de Ouro de Ferrol.
Estes días a UIMP está a realizar na cidade un curso de escritura creativa dirixido a universitarios de todas as ramas de ensinanza, incluídas as de ciencias e tecnoloxías. Así mesmo, no mes de outubro celebrarase un obradoiro sobre Patrimonio Industrial, Valor Histórico e Turístico que terá lugar entre os días 9 e 11 no edificio de Herrerías. Este curso, que contará con becas concedidas pola Deputación Provincial da Coruña para a súa asistencia, porá o acento sobre o Turismo Industrial nunha cidade que dispón da primeira ruta turística sobre o patrimonio industrial de Galicia, a Ruta da Construción Naval.
Ademais, a cidade naval será o vindeiro ano a sede do 5º Congreso Europeo de Turismo Industrial. Bello Janeiro manifestou todo o seu apoio a esta iniciativa que redunda no espírito científico e divulgador. Durante a visita, o rexedor municipal fixo entrega ao director da sede galega da UIMP dun cadro coa reprodución da fachada da Casa Consistorial ferrolá.











