“Inquedanzas” organiza en Ordes un coloquio sobre Paco Comesaña con motivo do centenario do seu nacemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOrdes
A-
A+

A Asociación Cultural Inquedanzas organiza mañá xoves 18 de xullo, a partir das 20:30 horas, unha conferencia-coloquio sobre a figura de Paco Comesaña, co gallo da conmemoración este ano do centenario do seu nacemento. Unha charla que terá lugar no Museo do Traxe de Ordes e que estará moderada polo presidente da Asociación Cultural Inquedanzas, Carlos Pérez, e protagonizada por Xosé Neira Vilas, escritor e membro da Real Academia Galega; e por Manolo Pazos, historiador orosán e membro da A. C. Obradoiro da Historia. A entrada é totalmente libre e de balde.

A figura do médico Francisco Comesaña Rendo, nacido en Cienfuegos (Cuba) en 1913, é especialmente coñecida ao ser a personaxe principal do libro “O lapis do carpinteiro” (o doutor Daniel Da Barca), de Manuel Rivas. Secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Compostela, foi encausado xunto con once veciños máis de Ordes e condenado a morte pola ditadura franquista. Mentres os seus 11 compañeiros de xuízo foron fusilados o 8 de febreiro de 1937 en Boisaca (Santiago), a pena de morte de Comesaña foille conmutada pola de cadea perpetua por ter nacido en cuba. Saíu do cárcere en 1943 e trasladouse a México. Coa chegada da democracia chegou a volver a España, onde residiu en Tui ata a súa morte en 1997.

Francisco Comesaña casou por poderes con Asunción Concheiro, veciña de Ordes, quen na actualidade ten 100 anos e reside en México co fillo de ambos, que é profesor na Universidade Central de México.

17 de xullo de 2013 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.