Inícianse as obras de acondicionamento na Avenida Médico Cebreiro baixo o viaducto da AP-9

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNeda
A-
A+
Inicio das obras

Inicio das obras

Tal e como estaba previsto, no día de onte arrancaban as obras de acondicionamento da Avenida Médico Cebreiro ao seu paso baixo o viaducto da autoestrada AP-9. Uns traballos que costea Audasa, concesionaria da autoestrada e competente na vía, tras as xestións realizadas polo alcalde da localidade, Ignacio Cabezón. Deste xeito, a intervención, cun prazo de execución estimado de dez días, permitirá solucionar os afundimentos que se rexistran na zona, co conseguinte perigo para peatóns e conductores.

O pasado mes de abril, Ignacio Cabezón mantiña unha xuntanza de traballo en Santiago co Xefe do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestructuras, Antonio López. Na mesma, o rexedor solicitaba a colaboración e intermediación da Xunta de Galicia con Audasa para resolver os problemas que se rexistran na Avenida Médico Cebreiro, provocados pola acumulación de auga procedente desta infraestructura e o grave deterioro das canalizacións ubicadas na zona. Ante esta situación, técnicos do departamento autonómico realizaron unha visita de supervisión para valorar in situ a problemática e poder plantear unha solución viable. Esta pasa pola construcción de novas canalizacións, implantando unha rede separativa de pluviais e fecais. Intervención que agora arranca.

30 de xullo de 2013 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.