“Hi! Filming Gondomar Camp”, o I campamento de inmersión lingüística de Gondomar, xa está en marcha
No día de onte deu comezo o I Campamento de Inmersión Lingüística da Concellaría de Xuventude do Concello de Gondomar, no que participan 40 mozos de entre 12 e 17 anos.
Hi!! Filming Gondomar Camp é un campamento de ocio e tempo libre en inglés para a xuventude, cun dobre obxectivo. Por unha parte, mellorar o uso dun idioma distinto ao propio, sendo este un dos piares fundamentais dos sistemas educativos actuais; mentres que por outra parte, busca ofrecer un espazo de ocio educativo, cultural e creativo no que os mozos deste Concello ocupen o seu tempo de ocio de vacacións, contribuíndo así de forma esencial a formación integral da xuventude de Gondomar.
Ignacio Troncoso, responsable da área de Xuventude, afirma estar “moi satisfeito” coa participación no campamento. “Os rapaces e rapazas comezaron con moita enerxía e entusiasmo. Por diante quédanlles dúas semanas que, espero, aproveiten para mellorar as súas competencias en inglés e para pasar un bo rato”.
O cine será parte esencial deste campamento de inmersión lingüística. Os rapaces/zas serán directores, guionistas, cámaras, presentadores, actores, etc e farán uso das novas tecnoloxías. Todo iso co inglés como pano de fondo. Tal e como lles comentaba Troncoso na presentación da actividade “as miñas son as únicas palabras que ides escoitar que non serán en inglés”. Dende o inicio deste campamento falarase exclusivamente en inglés e os monitores serán ou bilingües ou nativos.
Hi!! Filming Gondomar Camp continuará ata o próximo 29 de xullo en horario de 9.30 a 14.00.











