Hernández inaugura o punto limpo de Veigadaña que xestionan Coregal e Aceesca, en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+
Percorrido da comitiva polas instalacións

Percorrido da comitiva polas instalacións

O pasado martes, día 2 de xullo, entrou en funcionamento o punto limpo instalado no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, que está a ser xestionado conxuntamente entre Coregal, empresa de reciclaxe pertencente a Cogami, e Aceesca Emprego. Para formalizar dito acordo de xestión, representantes das tres entidades implicadas, Nidia Arévalo, alcaldesa do Concello de Mos, Ramón Sestayo en representación de Coregal e Mª Luz Fernández Grandal en representación de Aceesca, asinaban o día 1 de xullo o convenio de colaboración polo cal estas dúas asociacións de persoas con discapacidade pasaron a xestionar o punto limpo mosense favorecendo así, deste xeito, a inserción laboral dos discapacitados, así coma a súa integración social e a súa realización persoal.

Unha vez en funcionamento as instalacións, esta tarde celebrouse a inauguración oficial das mesmas na que estiveron presentes Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Nidia Arévalo, rexedora local mosense, Justo de Benito, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Mª José Bravo Bosch, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra e membros da Corporación Municipal.

No punto limpo do polígono da Veigadaña que xa presta servizo, Coregal encárgase da xestión e reciclaxe de residuos mentres que son traballadores de Aceesca Emprego os que se encargan dos labores internos das propias instalacións.

Nidia Arévalo, declarou hoxe sentirse “satisfeita e moi contenta ó ter xa en funcionamento este punto limpo que é dobremente positivo para Mos, a nivel social e medioambiental, por un lado porque contribúe a ter un Mos mellor e máis limpo e por outa banda porque estas instalacións que benefician ó medio ambiente dan emprego a persoas con discapacidade que necesitan e merecen enormemente poder desenvolverse laboralmente nun posto de traballo que os faga sentir realizados”.

Como xa se dixo, o punto limpo de Veigadaña iniciou o martes día 2 de xullo a súa actividade e, a partir deste momento, conta cun horario de apertura ó público de 10.00 horas a 14.00 horas e de 16.30 horas a 20.30 horas todos os martes e xoves, e os sábados de 10.00 horas a 14.00 horas.

Os usuarios deste punto limpo poden depositar nel residuos non perigosos que van dende o papel e cartón ata metais, mobiliario, escombro e restos de podas; e residuos especiais como aceites, filtros, baterías, equipos eléctricos e electrónicos, electrodomésticos, pinturas, vernices, etc.

Este servizo, gratuíto para tódolos empadroados no Concello de Mos, favore o óptimo mantemento e conservación do medio ambiente do municipio, por eso dende a concellería de Medio Ambiente, que dirixe a edil Julia Loureiro, rógase a todos os veciños e veciñas que fagan uso del e se conciencien da necesidade de verquer nestas novas instalacións os residuos non ordinarios para lograr manter un Mos limpo e mellor.

O novo punto limpo conta cunha superficie aproximada de 2.315 metros cadrados. O punto limpo do polígono da Veigadaña fora licitado pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en maio de 2012 e supuxo unha inversión por parte da administración autonómica de 267.000 euros. Para a construcción deste punto limpo o Executivo autonómico achegou o 100% do total do investimento. A construción deste punto limpo supón unha importante mellora medioambiental no que a xestión de residuos se refire, que beneficia tanto ó municipio de Mos coma á súa área de influencia.

9 de xullo de 2013 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.